A Deputación aproba os primeiros recursos do +Provincia 2026-2027, con 135.000 € para que o Concello de Forcarei contrate a persoas desempregadas

Luis López: “En menos de 20 días desde que puxemos a disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes os 85 millóns de euros do Plan +Provincia 2026-2027, xa estamos distribuíndo as primeiras achegas”

23/01/2026

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar os primeiros recursos do +Provincia 2026-2027, con 135.000 € para que o Concello de Forcarei contrate persoas desempregadas. “En menos de 20 días desde que puxemos a disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes os 85 millóns de euros do Plan +Provincia 2026-2027, xa estamos distribuíndo as primeiras achegas”, remarcou o presidente da Deputación Luis López.

Ao detalle, a Xunta de Goberno da Deputación aprobou dirixir ao Concello de Forcarei 135.000 € da liña 3, de fomento do emprego, que está dotada con 9,6 millóns de euros. Con estes recursos,  o goberno municipal vai contratar a seis persoas desempregadas para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipal: 2 condutores de tractor e operario de servizos, 2 oficiais de obras, 1 peón de recollida de lixo e 1 peón forestal.

Ata o 1 de abril permanece aberto o prazo para que os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia poidan solicitar os 85 millóns de euros do Plan +Provincia 2026-2027 a través das súas catro liñas. A primeira delas, dotada de 70 millóns de euros (35 millóns de 2026 e outros 35 que se adiantan do 2027), está destinada a investimentos. A segunda, con 4,15 millóns, céntrase no gasto corrente dos concellos. A terceira, con 9,6 millóns, está destinada á activación do emprego. A cuarta e última, dotada de 1,25 millóns, á redacción de proxectos transformadores relacionados coa mobilidade en zonas rurais e urbanas e proxectos de relevancia estratéxica que posibiliten a transformación e modernización do municipio.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.