A Deputación mellorará a seguridade viaria na EP-3102 Tomiño-Sabarís, nos concellos de Tomiño, Gondomar e Baiona por 662.000 euros
As obras incluirán a reposición do firme nun tramo de algo máis de 9 quilómetros, ademais de nova instalación de sinalización horizontal para garantir a seguridade da estrada
13/03/2026
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres o proxecto das obras de mellora da seguridade viaria na EP-3102 Tomiño-Sabarís, ao seu paso polos concellos de Tomiño, Gondomar e Baiona, que recibirá 662.000 euros. “Seguimos investindo recursos como nunca antes se fixera para alongar a súa vida e garantir a súa seguridade”, explicou o presidente provincial, Luis López.
En total a actuación desenvolverase por diferentes puntos e treitos continuos dun tramo de 9.267 metros de lonxitude que discorre polos tres concellos, onde é necesario proceder á reposición integral do firme, á mellora do sistema de drenaxe lonxitudinal e transversal, e á renovación da sinalización horizontal e dos sistemas de contención de vehículos.
Máis polo miúdo, prevese a retirado completa dos pavimentos deteriorados, operacións que inclúen o corte, demolición e levantamento de firmes, beirarrúas ou cunetas, así como o fresado das capas superficiais do pavimento, onde se reporá con novos materiais. Ademais, instalaranse novas conducións de drenaxe, executaranse novas cunetas e arquetas de formigón, porase nova sinalización horizontal ou instalaranse barreiras metálicas de seguridade, entre outras.
