A Deputación aproba recursos do Plan Concellos para que Gondomar sufrague o asfaltado da estrada Donas-San Adrián

A Xunta de Goberno da Deputación da luz verde ao destino de 223.160 euros  a estes traballos de pavimentación na vila

02/06/2023

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar unha achega da Liña 1 de Investimentos do Plan Concellos para Gondomar por importe de 223.160 euros, que lle servirá para financiar as obras de asfaltado da estrada que une a parroquia de Donas co núcleo de San Adrián. A achega permitirá sufragar o coste destes traballos que, amais da pavimentación do treito, inclúen a limpeza das marxes da estrada e a reposición da sinalización horizontal.

A actuación, que ten un prazo de execución de dous meses, prevé a aplicación dunha capa de firme a base de aglomerado asfáltico no tramo obxecto das obras, un treito da estrada Telleiro-San Cibrán, desde a conexión coa estrada de Sermán ata o núcleo de San Cibrán no encontro co viario provincial EP3102 Tomiño-Sabarís.

Ademais dos traballos de pavimentación, prevese o acondicionamento das condicións da estrada para evitar inundacións nos puntos baixos. Desta forma, a recollida de augas pluviais nas marxes do viario executarase con dous tratamentos: nos tramos da zona rural eliminaranse as raíces e perfilaranse as cunetas en terra para mellorar a drenaxe lonxitudinal, mentres que no treito máis urbano, mellorarase a drenaxe lonxitudinal coa demolición da cuneta de formigón existente e a reposición nunha cuneta que se executará a base de lastras, para a evacuación das augas pluviais mediante a rede de saneamento existente. En canto á sinalización restituirase a horizontal nas zonas de interseccións e instalarase nova sinalización vertical neses mesmos puntos.