Luisa Sánchez valora o traballo de investigación ‘Mulleres e Publicidade en Pontevedra’ como unha chamada a “acelerar o cambio” nos postos de decisión
20/11/2025
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, chamou a "acelerar o cambio" para aumentar a presenza feminina nos postos de decisión do sector da publicidade durante a presentación dos resultados do traballo de investigación 'Mulleres e Publicidade en Pontevedra', que tivo lugar este xoves na sede viguesa da institución provincial. O estudo, elaborado en colaboración coa Universidade de Vigo a través da Cátedra de Feminismos 4.0, ten por obxectivo identificar as pioneiras da publicidade e buscar referentes para as profesionais do futuro.
Tras analizar as conclusións, Luisa Sánchez constatou que a alta presenza das mulleres neste eido non se traduce nunha participación equitativa nos espazos de poder. Con todo, identificou "motivos para a esperanza" no auxe das axencias lideradas por mulleres. "O talento non é o problema. O que precisamos é derrubar as barreiras que impiden chegar a onde debemos chegar. O noso reto agora é acelerar ese cambio. Non basta con recoñecer a desigualdade. Lonxe de quedarnos na denuncia, cómpre actuar", indicou.