A Deputación e o Clúster de Turismo organizan no Palacete das Mendoza unha xornada sobre a intelixencia artificial aplicada ao turismo
Son as últimas sesións do programa “Turismo Intelixente: ferramentas IA para a transformación do sector” e terán lugar este mércores e xoves
15/12/2025
A Deputación de Pontevedra organiza este mércores e xoves, 17 e 18 de decembro, no Palacete das Mendoza unhas xornadas sobre intelixencia artificial aplicada ao turismo, enmarcadas no programa "Turismo Intelixente: ferramentas IA para a transformación do sector", en colaboración co Clúster de Turismo. A iniciativa está deseñada para ofrecer unha visión práctica e accesible sobre como a intelixencia artificial pode mellorar procesos chave como a atención ao cliente, o marketing, a comunicación, a análise de datos e a automatización de tarefas.
As dúas sesións, que se desenvolverán de forma presencial en horario de 16:30 horas a 19:30 horas e acollerán a 20 participantes, serán impartidas por Enrique Lancis, experto en transformación dixital e creador do modelo de Destinos Turísticos Intelixentes, e por Susana García, especialista en estratexia dixital e autora do libro "IA desde cero". Estes dous referentes en innovación e intelixencia artificial abordarán a aplicación práctica de ferramentas útiles en tarefas empresariais do ámbito turístico, o deseño de estratexias sostibles e a comprensión dos marcos legais da intelixencia artificial. A formación completa os coñecementos adquiridos nas sesións celebradas a finais de novembro sobre os fundamentos e tendencias da intelixencia artificial e o uso profesional de ChatGPT e o prompting.
A intelixencia artificial está a converterse nunha ferramenta clave para mellorar a eficiencia, optimizar recursos e ofrecer experiencias máis personalizadas aos visitantes. O programa "Turismo Intelixente: ferramentas IA para a transformación do sector", que foi financiado pola Deputación con 20.000 euros, busca facilitar a adopción desta tecnoloxía polas empresas galegas do sector turístico dun modo seguro, sostible e orientado aos resultados. A finalidade é conseguir un servizo de calidade e adaptado aos novos tempos, que contribúa a consolidar ás Rías Baixas como un destino de excelencia e preparado para competir nun mercado global.