Luisa Sánchez visita a AV Praza da Miñoca en Vigo co gallo do inicio de novos cursos do programa provincial +Xuntas
Preto dunha vintena de persoas participan ata finais de novembro nun obradoiro de arte floral, dentro das 207 actividades que a Deputación promove este ano en 53 concellos
29/09/2026
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, visitou a Asociación Veciñal Praza da Miñoca, en Vigo, co gallo do inicio das novas accións formativas do programa provincial +Xuntas. Neste caso, saudou ás 19 persoas participantes nun obradoiro de arte floral que se prolongará ata finais do mes de novembro.
Durante a visita, Luisa Sánchez puido coñecer o desenvolvemento desta actividade e compartir uns minutos coas participantes e coa entidade organizadora. A vicepresidenta puxo en valor a implicación das asociacións á hora de facer posible que a programación de +Xuntas chegue ás localidades da provincia.
“É moi importante que os programas da Deputación se traduzan en actividades que as persoas poidan aproveitar preto das súas casas e nas súas asociacións. +Xuntas permítenos apoiar ás entidades e, ao mesmo tempo, ofrecer formación en ámbitos moi diversos”, sinalou Luisa Sánchez.
O curso de arte floral da AV Praza da Miñoca é unha das accións formativas que se están a poñer en marcha estes días en Vigo e no resto da provincia. A programación inclúe propostas moi diferentes, desde artesanía, xardinería ou plantas medicinais ata teatro, lectura, alfabetización dixital, redes sociais, ioga, pilates, risoterapia ou conservación de alimentos.
Máis de 200 obradoiros en 53 concellos
A edición de 2026 de +Xuntas contempla un total de 207 actividades para entidades de 53 concellos da provincia, agrupadas en catro grandes ámbitos: +Tecnoloxía, +Creatividade, +Natura e +Saúde. Cada obradoiro ten unha duración de 35 horas e incorpora un módulo específico de sensibilización sobre igualdade, ademais de integrar esta perspectiva de maneira transversal nos contidos.
O programa conta cun investimento de preto de 700.000 euros para os anos 2026 e 2027 e ten entre os seus obxectivos apoiar o desenvolvemento das mulleres, mellorar a súa formación, promover a súa autonomía e facilitar a creación de redes de apoio e espazos de intercambio de experiencias.
No caso de Vigo e a súa comarca, son máis de 70 entidades sen ánimo de lucro as que participan nesta edición, cunha oferta formativa que abrangue ámbitos tan diversos como a creatividade, o benestar, a natureza, a artesanía ou as novas tecnoloxías.
Luisa Sánchez subliñou que a amplitude da programación permite que cada entidade adapte a proposta ás preferencias e intereses das súas participantes e salientou o papel do tecido asociativo como elemento fundamental para facer chegar estas actividades aos diferentes barrios e concellos.
“Cada curso é unha oportunidade para aprender algo novo pero tamén para coñecerse, compartir e pasar tempo xuntas. Ese é precisamente o sentido de +Xuntas”, concluíu a vicepresidenta.
