A Deputación pon en marcha os obradoiros de banda deseñada Xuventude en Viñetas, que chegarán a catro concellos da provincia durante o mes de novembro
Os ilustradores Lucía Cid e Sergio Covelo serán os docentes do ciclo, destinado a mozos de 12 a 18 anos e que terá lugar na Estrada, Ponteareas, Pontevedra e Sanxenxo como actividade complementaria do encontro Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes
01/11/2025
A Deputación de Pontevedra pon en marcha o novo programa Xuventude en Viñetas, un ciclo de obradoiros de banda deseñada como actividade complementaria á segunda edición do encontro Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes. Os obradoiros, que se desenvolverán durante o mes de novembro nos concellos da Estrada, Ponteareas, Pontevedra e Sanxenxo, están dirixidos a mozas e mozos de entre 12 e 18 anos. Serán de carácter gratuíto, as persoas interesadas poden inscribirse a través dun formulario dispoñible no sitio web da Deputación a partir deste luns 3 de novembro e estarán impartidos polos ilustradores da provincia Lucía Cid e Sergio Covelo.
Xuventude en Viñetas busca fomentar os intereses artísticos da mocidade da provincia, á vez que se promove a creatividade como unha ferramenta de expresión persoal e se ofrece un ocio saudable e alternativo. Dos catro obradoiros, dous teñen un nivel de iniciación (os da Estrada e Pontevedra) e outros dous de nivel intermedio (os de Ponteareas e Sanxenxo), e todos eles teñen como fío condutor a vida na provincia. Cada actividade terá prazas limitadas, cun mínimo de 8 e un máximo de 15 participantes, que deberán levar papel, lapis, goma, bolígrafos e rotuladores.
Os obradoiros comezarán en Pontevedra co obradoiro “Banda deseñada desde cero. O meu día a día en viñetas” o xoves 13 de novembro no salón de actos do Edificio Administrativo da Deputación, en horario de 17:00 a 19:00 horas a cargo de Sergio Covelo. A acción incluirá contido teórico sobre tipos de planos, elementos básicos da banda deseñada e o proceso técnico, e unha parte práctica baixo o título “Transforma a túa vida nunha páxina de banda deseñada”.
As accións continuarán na Estrada co obradoiro “Creación de personaxes”, o sábado 15 de novembro na Sala Abanca, en horario de 11:00 a 13:00 horas a cargo de Lucía Cid. O contido teórico abordará os fundamentos básicos da creación das personaxes (físico, personalidade, estilos…) e sobre o proceso creativo (carisma, documentación e inspiración), e no exercicio práctico os participantes deberán deseñar unha personaxe de fantasía inspirada en cadansúa vila.
O primeiro obradoiro de nivel intermedio será “Como se fai un manga?”, que terá lugar o sábado 22 de novembro na Casa Mariñeira de Don Fernando en Portonovo (Sanxenxo), en horario de 11:00 a 13:00 horas a cargo de Lucía Cid. Na parte de contido teórico abordarase a historia e autores relevantes do manga, os seus distintos xéneros, estilos e estruturas narrativas, ademais da creación dun storyboard, o coloreado e o uso de bocadillos e textos. O exercicio práctico consistirá na creación dunha páxina de manga futurista na vila de procedencia da rapazada.
Por último, Xuventude en Viñetas pecharase o sábado 29 de novembro en Ponteareas co obradoiro “Como contar historias: a composición visual na banda deseñada”, que se celebrará na Residencia de Artistas Artistea en horario de 11:00 a 13:00 horas a cargo de Sergio Covelo. O contido teórico incluirá unha breve historia da banda deseñada, autores e referentes, a creación de guións e a composición de páxinas, e o exercicio práctico consistirá na creación dunha historia breve que aborde un problema real ou imaxinario na comarca de residencia dos participantes.