CLUB DE LECTURA
“O BOSQUE DOS CONTOS”
Como escorrentar un lobo
Actividades con inscrición previa. Cada nena ou neno poderá inscribirse nun obradoiro. Inscrición aberta a partir do martes 4 de novembro ás 9 h
Datas: sábados 15 de novembro e 6 de decembro
Hora: 12 h
Idades: de 9 a 12 anos
Libro
Como escorrentar un lobo
Como escorrentar un lobo está publicado en Cuarto de Inverno e recibiu o premio Follas Novas 2025 á mellor obra infantil.
Ano 1944. Nunha Polonia ocupada polos nazis, Noncia rescata dúas crianzas xudeas do seu tráxico destino e agóchaas na súa casa. Para as axudar a combater o medo, relátalles unha incrible aventura que viviu na súa infancia, cando percorría os camiños acompañando o tabor xitano ao que pertencía. A historia trasládaas ao corazón do misterioso bosque de Białowieża, onde a familia de Noncia, tras extraviarse no medio dunha treboada, chega á vila secreta de Polana Wilków, o fogar dos Neuri. Alí coñecerá as distintas criaturas fantásticas que se agochan no bosque e aprenderá a mirar o medo cara a cara.
Como escorrentar un lobo é unha aventura chea de misterios co arrecendo das lendas contadas baixo a luz dunha candea.
ISBN: 9788412458640
Editora: Cuarto de inverno
Páxinas: 138
Autor
Antonio Manuel Fraga
Antonio M. Fraga é un escritor galego nado en Pontedeume en 1976.
Estudou Enxeñaría Técnica Industrial en Ferrol, mais a vida teimaría por levalo cara ao eido das letras. Xa asentado no coruñés barrio de Monte Alto, en 2013 gaña o Premio Merlín de Literatura Infantil coa obra O castañeiro de abril (Xerais). Posteriormente publica outros títulos de LIX, tales coma O capitán Maimiño (Tambre-Edelvives), Papá caníbal (Xerais), Ningunha estrela levará o meu nome (Oqueleo), Como escorrentar un lobo (Cuarto de Inverno) ou Mica, Cuarzo e Feldespato (Triqueta Editora).
En 2015 gaña o I Premio Antón Risco de Literatura Fantástica coa novela Querido H. P. Lovecraft (Urco Editora), obra pola que consegue tamén o Premio da Crítica Galicia de Creación Literaria en 2017. En 2018 gaña o I Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil do Concello de Pontevedra, con O bestiario científico de Anxos Nogueirosa (Xerais), acadando con esta mesma obra o Premio da Gala do Libro 2019 á mellor obra xuvenil. En 2022 foi incluída na Lista de honra IBBY dese ano. No 2020 gaña o XII Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil por Santoamaro, novela seleccionada na Lista White Ravens de 2021 e que tamén foi distinguida co Premio Follas Novas do Libro Galego ao mellor libro xuvenil de 2021. Con Askja (Xerais, 2025) consegue o Premio Literario Pinto e Maragota.
Algúns dos seus títulos foron traducidos a idiomas coma o castelán, inglés, catalán ou éuscaro.

