#ProvinciaExtraordinaria

Observatorio de Competitividade

Trátase dunha nova iniciativa do proxecto “Smartpeme” para a nova licitación durante o período 2025-2027.


O obxectivo do observatorio é poñer en valor de forma cuantitativa e cualitativa iniciativas estratéxicas levadas a cabo pola Deputación de Pontevedra respecto a sectores ou temáticas clave para a cidadanía e o tecido empresarial da provincia.

Con carácter mensual vanse publicar informes monográficos sobre temas estratéxicos que acheguen unha visión clara da posición da provincia respecto a outras, e tamén en comparación a nivel rexional e nacional, así como datos sobre proxectos ou programas que a Deputación de Pontevedra impulsa, con conclusións clave que axuden a entender as oportunidades de desenvolvemento ou as fortalezas da provincia.

Algunhas das temáticas dos informes mensuais estarán relacionadas con sectores importantes coma o turismo, as empresas culturais ou as vinculadas ao ámbito deportivo. Do mesmo xeito, outros estarán focalizados en cuestións estratéxicas para a Deputación coma o municipalismo, o rural ou o emprendemento.

O primeiro informe trata sobre o impacto desta institución no rural da provincia, onde se fai unha pequena radiografía do traballo que se está levando a cabo mediante proxectos coma “Smartpeme”, por exemplo, para impulsar as pemes e as persoas autónomas e emprendedoras de municipios de menos de 20.000 habitantes, ademais doutras iniciativas que se poñen en marcha desde a Deputación e dan resposta aos retos que se expoñen no rural.

En febreiro de 2026 publicarase un informe anual do observatorio que recolla de maneira global todas as conclusións e fortalezas detectadas na análise desenvolvida durante os meses previos e que sirva como folla de ruta para seguir mellorando e impulsando cuestións de interese para a cidadanía da provincia e as empresas desde a Deputación de Pontevedra. Ademais, achegará datos comparativos sobre o posicionamento de temas estratéxicos respecto a outras provincias e comunidades, que permita coñecer os puntos fortes e áreas de evolución en sectores e iniciativas importantes para o desenvolvemento económico e o crecemento da provincia.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.