
#MEDIONATURAL
Árbores notables
Provincia de Pontevedra
É fácil crer que o ser humano asistiu á aparición das árbores na terra, pero non foi así, fomos nós quen nos presentamos na vida das árbores; elas chegaron moito antes que nós ao planeta, polo que merecen o noso maior respecto.
As árbores forman parte do patrimonio vexetal e son testemuñas das nosas vidas, incluso máis que as edificacións ou as construcións realizadas polas mans das mulleres e homes, pero, como salvar esas magníficas árbores que aínda quedan esparexidas polo noso territorio? Unha das estratexias é dar a coñecer os seus valores naturais, culturais, educativos, estéticos ou paisaxísticos, particularidades ou curiosidades, e incorporalos nos fitos máis importantes da historia e da vida da cidadanía.
No Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia figuran exemplares e formacións da provincia de Pontevedra, pero o noso patrimonio vexetal é moito máis amplo.
Esta listaxe foi recollida pola Deputación coa colaboración non só de persoas expertas, senón tamén da cidadanía coñecedora do noso patrimonio verde nas áreas rurais e máis afastadas. Nace da necesidade de crear un catálogo provincial real de árbores notables de Pontevedra para incorporar ao devandito catálogo exemplares menos coñecidos, pero non menos importantes, como primeiro paso para a conservación e valorización destes e con iso contribuír a darlles publicidade e lograr a súa protección, xa que moitos están expostos a desaparecer por corta, lumes, enfermidades e pragas, e, sobre todo, moitas veces, por descoñecemento do seu valor real.