Camelia do castelo de Soutomaior

Camelia do castelo de Soutomaior
  • Especie: Camellia japonica L.
  • Familia: Theaceae
  • Altura: 10,5 m
  • Perímetro do tronco (1,30): 9,67 m (circunferencia exterior)
  • Diámetro da copa: 17,00 m
  • Idade estimada: 140-150 anos
  • Concello: Soutomaior
  • Parroquia: San Salvador de Soutomaior
  • Lugar: castelo de Soutomaior
  • Coordenadas UTM (X; Y, ETRS89 Fuso 29): 29T535671; 4686456
  • Coordenadas Google: 42.32953841398323, -8.567032939152119

O predio do castelo de Soutomaior, de 35 ha, está dedicado a bosque autóctono, viñedo, froiteiras e parque botánico. O parque botánico, que reúne unha extensa colección de camelias e árbores dos cinco continentes, é un dos máis importantes de Galicia. Desde que en 1982 o castelo pasou a ser propiedade da Deputación de Pontevedra para a súa utilización con fins culturais, realizáronse reformas nos edificios e melloras dos seus xardíns, como a ampliación da colección de camelias, que contaba no momento da adquisición con dezanove exemplares antigos, datados de finais do século xix, dos que aínda sobreviven dezaoito na actualidade.

Destaca un exemplar coa circunferencia de tronco máis grande de Galicia. Desde a súa ampla base (5,22 m de perímetro) xorden dezaoito grosos troncos e a súa arredondada copa, tamén de grandes dimensións (17 m). As flores son dobres con forma de rosa, de cor branca xaspeada de rosa ou rosa na súa totalidade.

Está situada ao pé do camiño que cruza o xardín, á beira da fonte circular e preto da araucaria de Chile e da criptomeria xapónica incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras.

Na actualidade este xardín forma parte da Ruta da Camelia de Galicia e desde 2012 é Xardín de Excelencia Internacional de Camelia. Foi o primeiro xardín de España e sétimo de Europa en conseguir este recoñecemento.