A Deputación aproba un investimento de 1,5 millóns para acondicionar tres estradas provinciais

O Goberno adxudica as obras de mellora da seguridade viaria na EP-2403 Mosende-Morgadáns e EP-2404 Acceso a Chenlo, nos concellos do Porriño e Gondomar

20/02/2022

Kickboxing ABP Sport

A Xunta de Goberno da Deputación vén de dar luz verde a tres proxectos de mellora das infraestruturas provinciais ao abeiro do modelo de mobilidade segura e amable da institución provincial, que supoñen un investimento de preto de 1,5 millóns de euros (1.484.931€). Deste xeito aprobáronse os expedientes de contratación para sacar a licitación as obras de reposición de firme na EP6202 Rodeiro-Oseira, no concello de Rodeiro (cuxo orzamento ascende a 431.265€) e os traballos de mellora da seguridade viaria na EP8101 Portas-Romai (en Portas), presupostado en 609.951€. Así mesmo, o Goberno provincial adxudicou a execución das obras de mellora da seguridade viaria na EP2403 Mosende-Morgadáns e na EP2404 Acceso a Chenlo, nos concellos do Porriño e Gondomar, por un orzamento de 443.715€.

Estas últimas obras, de mellora da seguridade viaria na EP-2403 Mosende-Morgadáns e na EP-2404, Acceso a Chenlo suporán a actuación en case 12,3 quilómetros de estrada, xa que se intervirá en 11,5 quilómetros da EP-2403 e en case 0,8 da EP-2404 nos concellos do Porriño e Gondomar. Os traballos comprenden o fresado da estrada, reposición do firme, a disposición da sinalización tanto horizontal como vertical, a mellora da drenaxe e a instalación de sistemas de contención de vehículos, coa fin de salvagardar a debida prestación do servizo público viario e de mellorar a seguridade viaria.

Doutra banda, no que se refire ás obras de mellora da seguridade na EP-8101 Portas-Romai, servirán para renovar a práctica totalidade do firme da estrada, de 4 quilómetros.  Tralas actuacións o ancho de carril mínimo da estrada provincial pasará a ser de 2,75 metros e amais, a EP-8101 tamén verá adaptadas as súas beirarrúas, ampliándose a da marxe dereita no seu treito final para dotar á marquesiña de autobús existente dunha adecuada zona de espera conectada a un itinerario peonil. Do mesmo xeito, executarase un muro de sostemento da estrada e realizarse unha zona de estacionamento na que os distintos espazos estarán claramente definidos. Así, evitarase o estacionamento de vehículos nas inmediacións de pasos de peóns e peoas e cruces á vez que se mellora a visibilidade.

Amais, en dúas zonas da estrada instalaranse separadores de carril que permitirán definir correctamente o espazo para o tráfico peonil nesas zonas. O proxecto comprenderá tamén a implantación de redutores físicos de velocidade e de pasos sobreelevados para mellorar a seguridade viaria das e dos usuarios da máis vulnerables desta estrada. Na mesma liña, replanificarase a sinalización vertical dos límites de velocidade e renovarase a horizontal.

Por último, as obras de reposición de firme da estrada EP-6202 Rodeiro-Oseira permitirán mellorar as condicións de rodadura de aproximadamente 7,2 quilómetros divididos en tres tramos da EP-6202 situados ao comezo da infraestrutura, no tramo medio e na parte final colindante con Ourense. A empresa adxudicataria terá que demoler o firme asfáltico actual en mal estado, proceder ao novo asfaltado, elevar os pozos de rexistro e tapas de sumidoiro ata a nova rasante, instalar as tubaxes de drenaxe e pintar o pavimento.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.