Rematan as obras de seguridade viaria na EP-8101 Portas-Romai

A vía provincial agora conta con carrís e beirarrúas máis amplas, redutores de velocidade e unha zona de estacionamento

09/05/2023

Fin de obras Portas-Romai

A Deputación de Pontevedra vén de rematar os traballos proxectados na EP-8101 Portas-Romai para mellorar a seguridade desta infraestrutura viaria ao longo dos seus algo máis de catro quilómetros de lonxitude. Esta actuación supuxo un investimento de preto de 610.000 euros e foi financiada pola institución provincial co obxectivo de renovar o firme da totalidade da estrada, mellorar os espazos reservados para o tránsito peonil e tamén dotala dunha renovada zona de estacionamento.

A través destes traballos, adaptáronse as beirarrúas para mellorar as condicións da circulación peonil e, no treito final da vía na marxe dereita, ampliouse a súa superficie para que a marquesiña de autobús conte cunha zona de espera axeitada e conectada ao itinerario peonil desta estrada. No caso do firme procedeuse á súa renovación total substituíndo o anterior, que se atopaba en mal estado, co obxectivo de mellorar a seguridade do tráfico rodado.

No marco deste proxecto, a Deputación tamén ordenou unha zona de estacionamento, definindo claramente os espazos reservados, evitando que os vehículos estacionen nas inmediacións dos pasos peonís e cruces e mellorando a visibilidade. En dous tramos da vía instaláronse separadores de carril cada cinco metros para definir o espazo dedicado ao tráfico peonil e executouse un muro de sostemento para substituír o anterior, parcialmente derrubado.

As obras tamén incluíron a dotación de redutores físicos de velocidade e pasos peonís sobreelevados para o calmado do tráfico e a mellora da seguridade das persoas, especialmente máis vulnerables, que transitan esta zona a pé. Ademais, nas zonas nas que se localizan vivendas e existían marxes sen tratar ou con cunetas profundas, executouse unha soleira de formigón –ou cuneta remontable– para a adecuación da marxe. Tamén se replanificaron a sinalización vertical e mais os límites de velocidade e se renovou a sinalización horizontal.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.