A Deputación incrementará a seguridade viaria na EP-8101 Portas-Romai cun investimento de máis de 600.000 euros

Dotarase á estrada de elementos baseados no modelo de mobilidade segura e amable da institución provincial como carrís e beirarrúas máis amplas, redutores de velocidade ou unha zona de estacionamento

10/02/2022

Kickboxing ABP Sport

A EP-8101 Portas-Romai verá mellorada a súa seguridade viaria despois dos traballos realizados da man da Deputación que servirán para renovar a práctica totalidade do firme da estrada, de 4.082 metros de lonxitude. As actuacións, que terán un prazo de execución de seis meses, contarán cun orzamento de 609.950 euros -xa aprobado en Xunta de Goberno- que será financiado de xeito íntegro pola Deputación. O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, o alcalde do concello, Ricardo Martínez, achegáronse a visitar a zona na que se farán as obras.

Tralas actuacións o ancho de carril mínimo da estrada provincial pasará a ser de 2,75 metros. A EP-8101 tamén verá adaptadas as súas beirarrúas, ampliándose a da marxe dereita no seu treito final para dotar á marquesiña de autobús existente dunha adecuada zona de espera conectada a un itinerario peonil. Do mesmo xeito, executarase un muro de sostemento da estrada e realizarse unha zona de estacionamento na que os distintos espazos estarán claramente definidos. Así, evitarse o estacionamento de vehículos nas inmediacións de pasos de peóns e peoas e cruces á vez que se mellora a visibilidade.

Para completar as obras, en dúas zonas da EP-8101 instalaranse separadores de carril cada cinco metros que permitirán definir correctamente o espazo para o tráfico peonil nesas zonas. O proxecto comprenderá ademais a implantación de redutores físicos de velocidade e de pasos sobreelevados para mellorar a seguridade viaria das e dos usuarios da máis vulnerables desta estrada provincial. Na mesma liña, replanificarase a sinalización vertical dos límites de velocidade e renovarase a sinalización horizontal.