A Deputación inviste case 424.000 euros nas obras de mellora da seguridade viaria e mobilidade peonil na EP-8501 Valga-Martores

As actuacións permitirán acondicionar a estrada nun tramo de case medio quilómetro que conflúe co Camiño Portugués e no que as persoas terán prioridade

13/01/2023

Mellora da seguridade viaria entre Valga e Martores

A estrada provincial EP-8501 Valga-Martores gañará un itinerario peonil continuo ao seu paso polo núcleo de San Miguel de Valga coas obras de mellora da seguridade viaria e mobilidade que está a acometer a Deputación de Pontevedra e que hoxe visitaron o deputado Gregorio Agís e o alcalde da localidade, José Manuel Bello. Esta actuación, que se desenvolve por un tramo de medio quilómetro e conflúe co Camiño Portugués a Santiago, conta cun orzamento de case 424.000 euros, dos que a institución provincial financia o 70% mentres que o Concello de Valga asume o 30% restante.

En concreto, as actuacións levaranse a cabo no tramo comprendido entre os pq 1+050 e 1+500, entre o cruce coa rúa da Bella Otero e a saída do núcleo rural, chegando ata a Escola de Chenlo, pertencente ao Colexio Rural Agrupado de Valga. Nesta zona crearase un itinerario peonil continuo formado por unha senda cun ancho de 2,5 metros e unha plataforma de convivencia ao paso por San Miguel. A plataforma será sobreelevada e as e os peóns terán prioridade ao longo do seu percorrido, que se integrará no ámbito de actuación e contará con mobiliario urbano. Deste xeito, a estrada quedará en condicións idóneas para a veciñanza así como para as persoas que peregrinan polo Camiño Portugués a Santiago, xa que a EP-8501 coincide coa ruta xacobea ao longo de 260 metros.

As obras comprenden tamén a execución de catro muros de contención, unha nova rede de iluminación pública e dúas balizas de paso peonil, así como a mellora integral da drenaxe das augas pluviais.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 14 resultados.