“Descúbreas” presenta a súa II edición cun concerto exclusivo no Pazo Provincial

Conducida por Woyza, a gala contará coa participación de cinco das mozas que impulsaron as súas carreiras musicais no programa de mentoring da primeira edición e que estarán acompañadas por profesoras e alumnas de escolas de música da provincia

20/04/2022

Imaxe de descubreas.com  

A segunda edición do programa Descúbreas, promovido pola Deputación de Pontevedra en colaboración con Regalamúsica, arrincará este venres 22 de abril cun concerto producido especialmente para este evento. O salón de plenos do Pazo Provincial acollerá a partir das 19 horas o acto no que cinco das mozas do programa de mentoring da edición anterior, Eva, Sara, Inés, Law e Xía, interpretarán as súas cancións xunto a docentes e estudantes de escolas de música da provincia. O evento será presentado pola cantante e produtora musical, Woyza.

Tres das alumnas de escolas de música que participarán na gala forman o grupo Rebel Spirit, que actuará como banda de acompañamento. Son Raisha Méndez Guerra, baixista e cantante; Soraya Adán Es-Salehy (Sory), batería e Andrea Vieira Fariña, guitarra. E as docentes que actuarán son María Pérez, pianista e propietaria da Academia Compás de Vigo, amais de cantante e líder do grupo Soa, e Paula Rego, guitarrista e batería, profesora da Escola Bonobo de Pontevedra e batería da banda Agoraphobia. Amais, outras sete alumnas da escola Maison do Porriño ofrecerán a sorpresa final do concerto.

Profesoras e alumnas prepararon de forma especial para este evento as adaptacións das cancións que as mozas de Descúbreas gravaron e publicaron o ano pasado en todas as plataformas dixitais. Este proceso formou parte do programa de mentoring que facilita a mozas músicas creadoras as ferramentas necesarias para impulsar o seu proxecto musical. De feito, a presentadora do evento, Woyza, é unha das mentoras que colaboraron o ano pasado co programa, mulleres que son referentes da industria musical.

Entre as novidades desta segunda edición está a participación como mentora da produtora musical Salomé Limón, gañadora de cinco Latin Grammy en produción musical amais de ser presidenta de PIAudio (Asociación Iberoamericana de Produtoras e Enxeñeiras de Audio). Tamén, entre as novidades, atópase o fortalecemento dos vínculos con outras entidades que traballan na mesma liña que Descúbreas e a colaboración en rede. Entre estas actuacións, xa o ano pasado, Descúbreas sumouse ao compromiso do proxecto europeo KeyChange, participou na Feira Internacional de Música BIME e participou recentemente no Encontro de Escolas ou Vira Fest de Portugal.

Descúbreas, un programa único pola igualdade

O programa Descúbreas ten como obxectivo dotar das ferramentas necesarias para terminar coa brecha de xénero que existe na industria musical. Estudos recentes mostran unha infrarrepresentatividade da muller cando se avalían, por exemplo, os premios Grammy. Só un 11,7% de todos os nomeamentos destes galardóns entre 2013 e 2020 foron para mulleres.

Descúbreas púxose en marcha en 2021 e achega na súa plataforma web numerosas ferramentas para as mozas creadoras que queiran iniciar o seu proxecto musical. Tamén dispón dun directorio de profesionais que xerou xa varias oportunidades de emprego, tanto no ámbito técnico como para artistas emerxentes. Así mesmo, dá a coñecer noticias e axenda das artistas galegas ou de eventos promovidos por mulleres en Galicia. O programa propón, ademais, varios eventos e accións que buscan compartir coñecementos e experiencias entre escolas de música, profesionais e artistas. En canto ao mentoring, é o primeiro programa dirixido a creadoras non profesionais que integra mentorías, a gravación e distribución dunha canción así como as claves para a súa distribución.

videos

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 10 resultados.