Oito mozas da provincia formaranse musicalmente a través do programa “Descúbreas”

As seleccionadas, dos concellos de Barro, Pontevedra, Vigo, Poio, Nigrán e Ponteareas, disporán a través desta iniciativa dun itinerario de mentoría e acompañamento nos seus inicios na música

05/04/2023

Xurado Descúbreas

Oito mozas dos concellos de Barro, Pontevedra, Vigo, Poio, Nigrán e Ponteareas foron seleccionadas para participar no programa “Descúbreas”, que organiza a Deputación de Pontevedra en colaboración con Regalamúsica para impulsar o talento feminino ma industria musical. Elas son Lidia Barreiro, Arancha Rodríguez, Sara Mínguez, Alba Ermida, Lucía García, Andrea Garriga, Nerea Gándara e Laura Marino.

As mozas foron elixidas por un xurado presidido pola xefa do Servizo de Igualdade da Deputación, Lucía Muradas e no que actuou como secretaria a técnica do Servizo Ana Isabel Amoedo e, como vogais, Pilar Fernández Fernández, artista, cantante e coach vocal; Andrea González Lozoya, deseñadora e imaxe persoal; Andreia Táboas Teijeiro e Ana García Vieiros, ambas persoal do programa “Descúbreas”.

As seleccionadas participarán no programa de mentoría de “Descúbreas”, co asesoramento de mulleres referentes do sector en Galicia. Durante as sesións recibirán formación musical transversal, obradoiros e charlas impartidas por profesionais, e gravarán cadanseu tema e videoclip que serán lanzados nas principais plataformas de streaming e venda en liña.

O programa seguirá a ofrecer vídeo-entrevistas a artistas sobre a situación das mulleres na música e vídeo-titoriais. Tamén se distribuirá unha newsletter semanal, realizarase un  vídeo colaborativo coas escolas de música da provincia, prestarase o servizo de consultoría en liña para dar resposta ás inquedanzas das estudantes de música e actualizaranse os contidos da plataforma web, que conta cun directorio de mulleres profesionais.

Dentro das iniciativas de “Descúbreas” figura así mesmo o “Universo laboral”, unha xornada networking con empresas, profesionais e artistas do sector musical, a promoción en feiras e foros a nivel estatal e internacional, a creación de vídeos-resumo en inglés e a sección da newsletter ‘Domingo con elas’, que ofrecerá información sobre un contido musical ou transversal de artes e disciplinas como a escrita, o cine ou a fotografía, para dar a coñecer documentais, libros ou exposicións relacionadas con mulleres da industria musical.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 15 resultados.