A Deputación impulsa con máis de 320.000 euros actuacións de mobilidade sostible nos concellos de Marin e Ponte Caldelas

A Xunta de Goberno aproba unha achega do Plan Concellos a Marín para financiar a súa aportación á creación da senda peonil de acceso á praia de Aguete, e dá luz verde ao convenio con Ponte Caldelas para a mellora da seguridade viaria na EP-0407 

25/01/2022

 

A Xunta de Goberno da Deputación vén de mobilizar hoxe máis de 320.000 euros en investimentos na rede de estradas provinciais para mellorar a mobilidade viaria e peonil a través do seu modelo sostible, amable e seguro nos concellos de Marín e Ponte Caldelas.

En concreto, para  Marín aprobouse unha achega da Liña 1 do Plan Concellos 2022 por 69.252€ para financiar a aportación municipal ao convenio coa Deputación para crear a senda peonil de acceso á praia de Aguete na EP-1205. Deste xeito, a institución provincial financiará ao 100% o coste desta actuación (230.840€) que ten por obxecto facilitar un acceso máis seguro e doado a esta praia marinense.

“Trátase dunha obra que unha vez máis vai transformar a nosa provincia a través das infraestruturas, neste caso en Marín nunha praia moi concorrida e ben fermosa que vai ter esta nova senda”, destacou a presidenta Carmela Silva. O itinerario peonil estará diferenciado pola marxe dereita da estrada (en dirección á praia) de 2,5 metros, separada da calzada mediante fitos, así como a colocación de sinalización horizontal e vertical. Ademais, a estrada pasará a contar cunha beiravía de 50 centímetros de ancho na súa marxe esquerda e tamén dunha cuneta de seguridade desta mesma anchura.

No caso de Ponte Caldelas, a Xunta de Goberno aprobou o convenio co Concello para a execución do proxecto de mellora da seguridade viaria na EP-0407 Borela-Ponte Caldelas, cun investimento de 255.624 €. Tamén neste caso o investimento o asumirá ao 100% a Deputación, xa que o Concello prevé pedir unha achega do Plan Concellos 2022-23 para financiar a súa aportación a este convenio.

Actuarase nun tramo de 225 metros desta estrada que transcorre polo casco urbano de Ponte Caldelas (Rúa Lepanto) para convertela nun espazo público de calidade, realizando un cambio de prioridade co fin de garantir a mobilidade peonil fronte a outros modos de transporte e garantindo a accesibilidade universal. Entre outras actuacións realizarase unha zona de convivencia con prioridade peonil, que terá limitación de velocidade de 20 km/h, mentres que no resto do tramo manterase velocidade máxima de 30 km/h. Completarase a obra con traballos de xardinería e colocación de luminarias modernas e de deseño, e melloras en servizos, como o soterramento das liñas de electricidade e telecomunicacións existentes agora en aéreo, e a execución dunha nova rede de alumeado público con luminarias LED de alto rendemento.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.