A Deputación remata as obras da senda peonil que garante un acceso seguro á praia de Aguete, en Marín

A institución provincial investiu máis de 215.000 € para dotar a zona dun itinerario peonil seguro, ademais de executar novas beiravías e cunetas de seguridade

16/05/2023

Senda Aguete

A Deputación de Pontevedra vén de finalizar as obras da senda peonil que permite ter un acceso a pé á praia de Aguete, en Marín, en óptimas condicións de seguridade. Esta actuación no concorrido areal está enmarcada no proxecto de mellora da mobilidade na EP-1205, que financiou integramente a institución provincial cun orzamento de máis de 215.000 €, co obxectivo de transformar por completo este tramo da vía para convertelo nun itinerario seguro para as persoas.

As actuacións enmárcanse no modelo sostible e seguro da Deputación, nunha zona pola que transcorre un elevado número de persoas especialmente nos meses de verán, e que ata agora non contaban cunha zona adaptada á circulación peonil cunhas axeitadas condicións de seguridade para o tránsito a pé. Mentres que antes da actuación as e os peóns víanse na obriga de invadir a calzada para poder acceder á praia de Aguete, agora contan cunha senda peonil de 2,5 metros de ancho na marxe dereita da vía e totalmente separada da calzada mediante fitos. Ademais, as obras na EP-1205 incluíron tamén a dotación dunha nova beiravía de 50 centímetros de ancho na marxe contraria e unha cuneta de seguridade do mesmo ancho para facilitar a permeabilidade peonil, e mais a renovación da sinalización horizontal e vertical.

A Deputación de Pontevedra e o Concello de Marín asinaron un convenio de colaboración para facer fronte ao financiamento desta actuación, cun 70% achegado pola institución provincial e o 30% restante polo Concello. Pola súa banda, Marín decidiu empregar recursos do Plan Concellos da Deputación para sufragar a súa porcentaxe correspondente, polo que o financiamento íntegro desta actuación procede de fondos da institución provincial.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.