A Deputación inviste 170.000 euros na mellora da seguridade da EP-0603 en Poio

As obras que acaban de saír a licitación inclúen a limpeza de ambas marxes, a realización das obras de drenaxe e a execución de muros de contención nun treito dun quilómetro e medio desta estrada

16/03/2022

A Deputación de Pontevedra acaba de sacar a licitación as obras de mellora da drenaxe lonxitudinal na EP-0603 Muíño-Campañó, ao seu paso polo concello de Poio, nas que se inviste un orzamento de 168.577 euros. Estes traballos desenvolveranse nun quilómetro e medio desta estrada, onde se procederá á limpeza de ambas marxes, así como á realización das obras de drenaxe e a execución de muros de contención, no marco do modelo de mobilidade da institución provincial para garantir a seguridade viaria en toda a súa rede de estradas.

En concreto, as obras realizaranse entre os pq 0+000 (no entronque coa PO-308) e 1+450 desta estrada, que ten 2,3 quilómetros de lonxitude, no termo municipal de Poio. Amais da roza e limpeza das cunetas por ambas marxes, noiros e terrapléns, procederase ao levantado do firme para a colocación da nova tubaxe drenante. 

Tamén está prevista a execución dun muro de contención de ata 3,5 metros de altura a base de bloques de pedra e dunha cuneta remontable no treito afectado. As empresas teñen de prazo ata o 5 de abril para a presentación das súas ofertas. 
 

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.