A Deputación realizou 19 intervencións de emerxencia nas estradas provinciais durante a fin de semana de Noiteboa e Nadal

As intensas choivas produciron múltiples incidencias e obrigaron a acometer unha obra de emerxencia na EP4402 que une Mondariz-Balneario e Vilasobroso

27/12/2022

As brigadas de estradas da Deputación de Pontevedra atenderon durante o temporal que varreu a provincia de Pontevedra na fin de semana de Noiteboa e Nadal un total de 19 incidencias principais nas vías provinciais. As intensas choivas afectaron especialmente á estrada EP-4402, que une Mondariz-Balneario e Vilasobroso, onde xa se está a construír un muro de contención para garantir a seguridade viaria no punto quilométrico 1+500, á altura do concello de Mondariz. Amais das 19 incidencias principais, atendéronse outras de menor relevancia.

A construción do muro vén motivada polo deslizamento da berma do talude, o que comprometeu a estabilidade da calzada, que quedou moi danada polo afundimento da contención. As obras estanse aproveitando agora para reforzar a mellora da drenaxe superficial e subterránea nesta zona. 

As intensas precipitacións da fin de semana da Noiteboa e o Nadal foron atendidas polas brigadas, a pesar da coincidencia nas datas festivas, garantindo a seguridade na rede provincial de estradas. A atención ás incidencias cóbrese a partir do reparto da provincia en tres zonas.

Na zona norte, as brigadas provinciais interviñeron en cinco incidencias, concretamente tiveron que retirar árbores caídas sobre a estrada na EP-6302 Berredo-Brántega, na EP-8402 Cuntis-Cequeril e na EP-6001 Lalín-Botos-Gresande. Amais, na EP-7101 Cerdedo-A Portela foi necesario actuar ante un desprendemento de terra sobre unha cuneta e un dos carrís e na EP-7003 A Estrada-Somoza ante o desprendemento de terra sobre a cuneta.

Na zona centro producíronse oito intervencións, dous delas para retirar árbores na estrada, na EP-1102 Meira-Fraga e na EP-2908 Arcade-Amoedo. Así mesmo, nas EP-0018 Xeve-Amil-Espedregueira foi necesario realizar a limpeza de arrastres de pedras e na EP-0002 Marco-Tomeza retiráronse tanto arrastres de pedras como de terra. Na comarca do Salnés, actuouse na EP-9201 Sanxenxo-Bordóns-Samieira para achicar a auga de escorredura que inundaba a planta baixa dun edificio, e na EP-9501 Ribadumia-Grenla foi necesario cortar a estrada ante o desbordamento dun río. Amais,  na EP-0601 Poio-Campelo as brigadas interviñeron para reparar unha fochanca na calzada e na EP-1103 San Benito-Domaio houbo que limpar un vertido de gasoil no viario.

No caso da zona sur da provincia, foron seis as incidencias abordadas. Ademais da actuación de emerxencia na EP-4402 Mondariz Balneario-Vilasobroso, que obrigou á obra de emerxencia, as brigadas tiveron que actuar ante as bolsas de auga na calzada que ocasionaron as choivas na EP-2402 O Porriño-Torneiros e na EP-2401 O Porriño-Mosende, mentres que na EP-2103 Nigrán-Vincios, realizouse a limpeza de arrastres de auga e pedras no viario e na EP-2005 Meixoeiro-Cuvi tamén houbo que limpar a estrada tras un accidente. Por último, na EP-3302 Tabagón-Goián-Portocelo as brigadas actuaron ante un desprendemento de terra sobre a cuneta e un carril.

Por outra banda, na xornada de onte, luns 26, tamén se atenderon dúas incidencias na estrada provincial A Cañiza-Mouretán, onde houbo que retirar unha árbore caída, e na de Cachafeiro-Silleda, onde se reparou un burato na calzada.