O pleno da Deputación aproba de xeito definitivo un orzamento de récord, de 238M€, que entrará en vigor o 1 de xaneiro para seguir a carón dos concellos e os colectivos

As contas, aprobadas polo voto favorable do PP e co voto en contra de PSOE e BNG, son unha mostra da estabilidade do goberno provincial, que avanza nas súas apostas estratéxicas polo deporte, o turismo, a cultura e a acción comunitaria

26/12/2025

Pleno aprobación orzamento 2026

O pleno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar de xeito definitivo o Orzamento do organismo provincial para o vindeiro ano 2026, unhas contas de récord, de 238 millóns de euros, que entrarán en vigor o vindeiro 1 de xaneiro para seguir ao carón dos concellos e os colectivos. A sesión plenaria correspondente ao mes de decembro serviu tamén para aprobar as bases dunha nova convocatoria do Plan +Provincia, dotado con 50M€; así como a adhesión da Deputación ás Rede Europea de Rexións polo Turismo Sustentable e a Spain Convention Bureau. Ademais, recibiron luz verde os proxectos para a mellora da mobilidade peonil na EP-2203 entre Baiona e Lourenza e construción dun viario novo en Pontevedra entre a Avenida de Marín e a rúa Rosalía de Castro. No apartado de mocións, foi aprobada unha do Grupo Popular para reclamar ao Goberno a paralización da suba das peaxes da AP-9.

O asunto central desta sesión ordinaria foi a aprobación definitiva, cos votos favorables do grupo do PP e o rexeitamento dos grupos do PSOE e do BNG, do Orzamento da Deputación para o ano 2026 despois de resolver as alegacións presentadas para a súa entrada en vigor o vindeiro 1 de xaneiro. Trátanse dunhas contas de récord, de 238M€, que "apuntalan a provincia do deporte, que suben a aposta por un turismo sustentable, que manteñen o apoio á veciñanza e ao asociacionismo, que volven aumentar os investimentos na rede de estradas provinciais, que son sensibles coa cultura e coa xuventude e que prestan unha especial atención ao Benestar Social e á Igualdade", resumiu o voceiro do goberno provincial, Jorge Cubela, antes de detallar os dez eixos principais do documento.

O principal é a colaboración cos concellos, os 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia recibirán este ano 128M€ de mans da Deputación a través de plans como o +Provincia ou os xa aprobados Plan Extra e Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas; mentres que as dúas cidades, Vigo e Pontevedra, verán renovados os seus convenios valorados en 5 e 2,5M€ respectivamente, así como avances noutros proxectos estratéxicos como o Cine Fraga e Balaídos en Vigo ou Santa Clara, Príncipe Felipe e o Museo en Pontevedra.

A provincia do deporte segue dando pasos adiante cun orzamento que medra nun 35 % ata acadar os 8,6M€ que permitirán executar propostas novidosas como o primeiro Plan de Equipamentos Provincia do Deporte para axudar aos clubs a mellorar as súas dependencias e un reforzo orzamentario do programa DEPOVan. A aposta por un turismo sustentable e descentralizado aumenta coa suba do 17 % dunha partida que se sitúa nos 7M€ con propostas que acadan unha nova dimensión como o patrocinio dos Rías Baixas Fest que incrementa o seu orzamento nun 47 %. O servizo de Cultura recibirá un 15 % máis de recursos para seguir impulsando propostas ambiciosas, como a exposición do cadro de Castelao "A derradeira lección do mestre" no Museo; e proxectos locais como as axudas ás entidades musicais para adquirir instrumentos ou vestiario.

A atención aos colectivos é outra das bandeiras do goberno provincial e no 2026 a partida aumentará nun 20 % para ofrecer máis axudas ao asociacionismo. O mesmo ocorre co servizo de Xuventude e Reto Demográfico, cunha suba do 13 % para executar plans como o da mellora do Centro Vacacional da Lanzada por valor de 200.000€.

O mantemento e mellora da rede de estradas provinciais verase reforzado novamente cunha suba do 56 % da súa partida, que se sitúa en preto de 40M€. Mentres que os servizos de Medio Ambiente (+10 %), Benestar Social (+15 %) e Igualdade (+6,5%) incrementan tamén as súas partidas.

Terceira convocatoria do +Provincia

Outro dos puntos máis destacados da orde do día deste derradeiro pleno do ano foi o da aprobación das bases da terceira convocatoria do Plan +Provincia, que saíron adiante co voto favorable de todos os grupos. Trátase dun plan +Provincia de récord, que eleva a súa contía ata os 50M€ para ser repartida entre os 59 concellos de menos de 50.000 habitantes atendendo criterios obxectivos, entre eles o Reto Demográfico. Ademais, a novidade deste ano está en que os concellos poderán pedir de xeito anticipado unha parte dos recursos que lle corresponden da anualidade do 2027.

O plan mantén a súa estrutura en catro liñas. A primeira, dotada con 75M€ ao incluír os importes correspondentes ás anualidades do 2026 e 2027; servirá para o financiamento de investimentos. A segunda, de 4,15M€, é para a amortización de débeda e gasto corrente. A terceira, de 9M€, destínase á contratación de traballadores. E a cuarta, de 1,25M€, para a redacción de proxectos transformadores.

Impulso ao turismo desestacionalizado e sustentable

Nesta mesma sesión, recibiu luz verde por unanimidade a adhesión da Deputación á Rede Europea de Rexións polo Turismo Sustentable e Competitivo (NECSTour). O obxectivo deste organismo é impulsar políticas e prácticas de turismo sustentable e competitivo nas rexións europeas, a través da cooperación institucional, a transferencia de coñecemento e a participación en proxectos conxuntos de ámbito europeo. Do mesmo xeito, acordouse tamén de xeito unánime a incorporación da Deputación á rede de entidades locais "Spain Convention Bureau" co obxectivo de promover o desenvolvemento turístico e económico da provincia de Pontevedra a través dun sector que achega un alto valor engadido ao destino, contribúe a desestacionalizar a demanda e dinamiza sectores complementarios.

Outros acordos que recibiron o apoio de todos os grupos foron a delegación de competencias do Concello de Covelo a favor da Deputación para a recadación das taxas dos vaos e reserva de espazos na vía pública para labores de carga e descarga e a aprobación do proxecto técnico reformulado incluído no Plan Extra de Soutomaior para a reurbanización e humanización do centro urbano de Arcade, así como as aprobacións definitivas dos proxectos de mellora da mobilidade peonil na EP-2203 entre Baiona e Lourenza cun investimento de preto de 1M€ por parte da Deputación e o proxecto construtivo dun viario de conexión entre a Avenida de Marín e a rúa Rosalía de Castro, en Pontevedra, ao que o ente provincial destina case 1,3M€.

No apartado de mocións, foi aprobada a presentada polo Grupo Popular co voto favorable dos seus deputados, para expresar o rexeitamento da corporación provincial contra a suba de peaxes da autoestrada AP-9 para o ano 2026 impulsada polo Goberno e solicitarlle que paralice de maneira inmediata esta suba prevista para o ano 2026 nas tarifas da AP-9 e avances na transferencia a Galicia da titularidade da autoestrada AP-9 con todos os recursos económicos necesarios para acometer as obras pendentes e para a súa axeitada xestión. Tamén saíu adiante a proposta do Grupo Socialista relativa á mellora do transporte metropolitano no sur da provincia, mentres que foi rexeitada a solicitude relacionada cos dereitos do alumnado con diversidade funcional no ensino público.

Galerias de imagenes

videos

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.