A Deputación ultima os días para visitar no Museo de Pontevedra a exposición dedicada a Leopoldo Varela

“Leopoldo Varela, a forza da cor” repasa a traxectoria do pintor autodidacta desde os seus comezos nos anos 70 ata os seus últimos anos e inclúe pezas nunca vistas polo público, como varias augadas e as obras da serie ‘El invento’

04/01/2026

A Deputación de Pontevedra pecha o próximo domingo 11 de xaneiro no Museo de Pontevedra a exposición monográfica “Leopoldo Varela, a forza da cor”, que leva dispoñible no Edificio Castelao desde o pasado mes de novembro. A exposición repasa a traxectoria de Leopoldo F. Varela (O Porriño, 1929-Vigo, 2007), un pintor autodidacta que practicou o expresionismo cromático. As obras trazan un percorrido pola súa creación desde comezos dos anos 70 do século pasado ata os seus últimos anos, exhibindo algunhas pezas ata agora nunca vistas polo público, como varias augadas e as obras da serie que el chamou 'El Invento', nas que estampaba o papel sobre un cristal impregnado de óleo.

Leopoldo Varela comezou a súa traxectoria nos anos 50 coa técnica da acuarela e en 1972 recibiu unha medalla de prata na Bienal de Arte de Pontevedra. A comezos dos anos setenta o óleo adquire protagonismo na súa obra e adopta os postulados da Escola de Madrid: unha pintura figurativa, non académica, que reinterpreta a realidade baixo a influencia do cubismo e o fauvismo. Varela logra nestes anos un estilo de madurez caracterizado por unha interpretación da paisaxe cunha paleta moi alegre. Estaba inmerso no ambiente cultural de Vigo, onde era asiduo ao faladoiro do Eligio e participou en diferentes exposicións.

A súa obra tamén se puido ver en galerías do resto de Galicia, en Madrid e alén do Atlántico. Esta época está representada na exposición con varias obras, entre elas dúas coas que participou na Bienal de Pontevedra. A finais da década dos setenta a súa pintura abandona eses parámetros e desenvolve un estilo persoal que evoluciona cara a un expresionismo cromático centrado nas posibilidades plásticas da materia. A súa obsesión pola cor levouno, nos anos noventa, a experimentar coa materia, cunha serie de obras que se amosan ao público por primeira vez. Na serie que denominou ‘El Invento’ estampaba o papel sobre un cristal impregnado de óleo. Tamén explorou as posibilidades da augada, tanto aplicada con esponxas coma permitindo que se expandise polo soporte.