Arranca a terceira edición da Escola de Letras cos obradoiros de Inma López Silva en Pontevedra e Vigo

O Edificio Administrativo en Pontevedra e a sede da Deputación en Vigo acollen as primeiras formacións do curso, que esgotaron as súas 30 prazas en só 3 horas

07/02/2022

30 persoas mergullaranse de pleno a partir desta semana na trepidante viaxe que supón a escritura dunha novela grazas ao arranque da terceira edición da Escola de Letras da Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia. A encargada de marcar o punto de inicio desta nova edición da escola será a autora Inma López Silva, que impartirá as primeiras sesións dos seus dous obradoiros literarios en Vigo e Pontevedra a partir deste martes 8 e o xoves 10 de febreiro, respectivamente. A formación da autora continuará os días 15 e 22 de febreiro, 8, 15 e 22 de marzo e 5 e 19 de abril no curso de Vigo (que se celebra na sede da Deputación na cidade) e os días 17 e 24 de febreiro e 3, 10, 17, 24 e 31 de marzo no curso de Pontevedra (desde o Edificio Administrativo, a carón do Pazo provincial).

A Escola de Letras non pode comezar de mellor xeito, xa que as prazas para os dous cursos (15 en cada) que comezan estes días esgotáronse en soamente tres horas desde o inicio do prazo de inscrición e contan cunha ampla lista de agarda, o que demostra que existía unha demanda social deste tipo de programas. Este ano a Deputación e Editorial Galaxia, para fomentar unha maior variedade entre o alumnado dos distintos cursos, decidiron mudar o sistema de inscrición na Escola, de xeito que non se poderán solicitar prazas ata un mes antes do inicio de cada curso (os inicios dos prazos serán comunicados convenientemente) a través do correo electrónico escoladeletras@editorialgalaxia.gal. Todos os cursos contan con 15 prazas para ofrecer unha atención máis individualizada e adaptada aos requirimentos do alumnado.

A través desta iniciativa, cunha escola pioneira en Galicia e unha das poucas que existen a nivel estatal, impartiranse ao longo de 2022 un total de 6 obradoiros. Súmanse aos dous de Inma López Silva o obradoiro de poesía de Antonio García Teijeiro (26 e 27 de abril en Vigo) e o obradoiro literario de Diego Giráldez (13, 20 e 27 de setembro e 4 e 11 de outubro tamén en Vigo). O seguinte será a gran novidade deste ano, un obradoiro máis xeral e amplo –moi demandado polo alumnado das edicións anteriores– chamado ‘Escribir. Xéneros, técnicas, temáticas…’ impartido por Anna Figueiredo (19 e 26 de setembro, 3, 10, 17 e 24 de outubro e 7 e 14 de novembro en Pontevedra) e, por último, o obradoiro de poesía a cargo de Elvira Ribeiro (18 e 25 de outubro en Pontevedra). Todos os cursos impártense en horario de 18:00 a 20:00 horas coa excepción do de Anna Figueiredo, de 19:00 a 21:00 horas.

Ao igual que nos anos anteriores, a Escola de Letras dirixida por Francisco Castro (director xeral de Galaxia) tamén celebrará máster classes para público xeral nas que autoras e autores de prestixio compartirán as súas experiencias arredor da publicación dos seus títulos e a experiencia de escribir. Estas sesións, se as circunstancias o permiten, serán celebradas por primeira vez de xeito presencial. Ademais, ao longo desta edición tamén se publicará a segunda edición das recompilacións “Tes cinco minutos”, que chegará ás librarías co gallo do Día do Libro para amosar a calidade dos exercicios que as alumnas e alumnos da Escola desenvolven durante a súa formación e, tamén en 2022, Galaxia editará a primeira obra dunha alumna da Escola de Letras, pertencente ao xénero fantástico.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.