Arranca “Bailando a Terra”, o ambicioso programa da Deputación que espallará a danza por espazos naturais de Caldas, A Illa, Poio, Forcarei e Tui

Comezará este venres, 8 de xullo ás 20.30 horas, na carballeira de Caldas de Reis coa actuación de Trébede, cun espectáculo dirixido por Miguel Sotelo que mestura o estilo tradicional coa música en directo

07/07/2022

Bailando a Terra

A Deputación de Pontevedra segue a espallar cultura por todos os recunchos da provincia cunha completa programación para o verán e lanza desde este venres “Bailando a Terra”, o novidoso programa que espallará a danza por escenarios naturais ao aire libre como bosques, carballeiras, praias, cabos e espazos de patrimonio fluvial e marítimo de cinco concellos: Caldas, A Illa de Arousa, Poio, Forcarei e Tui.  A carballeira de Caldas de Reis será este venres o tiro de saída da iniciativa coa actuación de Trébede ás 20.30 horas, cun espectáculo dirixido por Miguel Sotelo que mestura o estilo tradicional coa música en directo. A entrada ao espectáculo de Caldas, e aos restantes que se van executar no marco de “Bailando a Terra”, será libre ata completar o aforo.

Tralo paso por Caldas,  o programa de danza chegará o 5 de agosto ata a Illa de Arousa, coa compañía Nova Galega de Danza, que actuará ás 21.00 horas no Edificio de usos náuticos para ofrecer o espectáculo “Leira no Camiño”, baixo a dirección artística de Jaime Pablo Díaz. Tamén en agosto, o día 6, o programa recalará en Poio, concretamente no xardín da Capela da Virxe da Renda, onde a escola de Baiona Galicia en Danza ofrecerá o espectáculo “As 4 estacións”, con danza contemporánea, ballet, jazz, acro e danza tradicional, ás 20.30 horas. O día 13 de agosto a escola de danza lalinense Maisquedanza ofrecerá “Danzando na terra” na carballeira de Soutelo, en Forcarei, ás 20.30 horas, un espectáculo de fusión de danza urbana, contemporánea e tradición, con sinerxías co teatro, dirixido por Marta Maceira. O peche do programa terá lugar o 23 de setembro no paseo fluvial de Tui coa escola de danza Unidance  e o seu espectáculo “Os 4 elementos”, dirixido por Alejandra Teixeira, no que une danza urbana, contemporánea e tradición, con acrobacia e un número con lume.

“Bailando a Terra”, co que colaboran compañías profesionais como Nova Galega de Danza e Trébede e escolas de danza da provincia como Maisquedanza, Galicia en Danza e Unidance, enmárcase na programación “Con-Fiando Cultura”.