O Lago de Castiñeiras e a Carballeira de San Xusto escenarios esta fin de semana dos “Bosques Terapéuticos” da Deputación

O programa permitirá desfrutar de baños de bosque mesturando natureza, exercicio, cultura, historia e saúde en espazos situados entre Vilaboa e Marín e en Cerdedo-Cotobade

16/06/2023

Bosques Terapéuticos. O Lago de Castiñeiras e a Carballeira de San Xusto

O programa “Bosques Terapéuticos”, co que a Deputación promove actividades baseadas na terapia de shinrin yoku ou “baño de bosque”, unha técnica orixinaria de Xapón que consiste en internarse na natureza para relaxar a mente e reducir o nivel de tensión, chega esta fin de semana a Vilaboa, Marín e Cerdedo-Cotobade. O sábado terá lugar un percorrido polo Lago de Castiñeiras e o domingo pola contorna da carballeira de San Xusto, onde as persoas participantes poderán desfrutar dunha actividade que mestura natureza, exercicio, cultura, historia e saúde.

A ruta por Castiñeiras, un dos parques forestais máis antigos de Galicia, terá lugar ao redor do lago, con paradas ante as especies arbóreas máis singulares do recinto, como o paseo de tuias ou un dos cedros cos que conta a contorna. A masa forestal que rodea a lagoa, situada entre os termos municipais de Vilaboa e Marín e que conta con castiñeiros, bidueiros, exemplares de carballo americano e outras especies exóticas, foi creada a partir dos anos 50 do pasado século aínda que é probable que teña orixe nas primeiras plantacións do plan de reforestación da provincia elaborado pola Deputación e iniciadas no ano 1927.

Pola súa banda, o itinerario pola Carballeira de San Xusto, no municipio de Cerdedo-Cotobade, arrancará nos baños de San Xusto e finalizará na ponte nova sobre o Lérez. Ademais das explicacións sobre a vexetación que se pode atopar na zona, como carballos centenarios e castiñeiros e carballos americanos, as e os asistentes coñecerán tamén diversos aspectos históricos e etnográficos deste espazo do concello de Cerdedo-Cotobade.

As dúas rutas, que comezarán ás 10.00 e durarán aproximadamente unha hora, parten dunha premisa fundamental: abrir os cinco sentidos, respirando a fondo e camiñando mentres se conecta coa natureza. Porén, os e as asistentes son instados a desconectar os dispositivos móbiles, observar a luz solar que penetra entre as follas, percibir os sons e aromas que as e os rodean, camiñar en silencio e en calma e deixarse levar sentíndose parte da experiencia. De feito, o importante non é facer moitos quilómetros, senón desfrutar do camiño lentamente e prestando atención ao que se atopa no paseo. Amais do percorrido polo Lago de Castiñeiras e a carballeira de San Xusto, este mes de xuño quedan camiñadas polo Río Eifonso e a Illa de Tambo, se ben as prazas están xa todas esgotadas.

Quen queira desfrutar destas saídas dos “Bosques Terapéuticos” terá que esperar ata agosto xa que as rutas do mes de xullo esgotaron tamén a totalidade de prazas ofertadas. En xullo os percorridos comezarán o día 1 pola fervenza do Toxa, que tamén se repetirá os días 16 e 30 de xullo; os días 2 e 22 de xullo será a quenda da Illa de Tambo; o día 8 o programa recalará no Lago Castiñeiras; o domingo 9 de xullo continuará pola Carballeira de San Xusto; o sábado 15 polo Río Eifonso; o domingo 23 pola Ruta da Pedra e da Auga e o sábado 29 pola ponte colgante do Lérez. Para as rutas do mes de agosto o prazo de inscrición abrirá o 17 de xullo e os percorridos comezarán o día 5 pola Ruta da Pedra e da Auga e continuarán o 6 pola Illa de Tambo, o 12 polo Lago de Castiñeiras, o 13 na Carballeira de San Xusto, o 19 polo Río Eifonso e para finalizar, o domingo 20 de agosto, pola ponte colgante do Lérez.

Mostrando el intervalo 1 - 3 de 21 resultados.