A Deputación de Pontevedra “dálle vida” ao comercio para promocionar a calidade e confianza do mercado de proximidade

A nova campaña está enmarcada dentro das actividades dos proxectos “Commerce Inside” e “Da túa man” que a Administración provincial está desenvolvendo para favorecer o comercio local e abordar os retos dixitais

17/10/2022

O comercio local da túa man. Dálle vida” é o lema baixo o que a Deputación de Pontevedra pon en marcha unha nova campaña de promoción e difusión para a achegar ás e aos cidadáns da provincia ao comercio de proximidade e concienciar sobre a importancia de mercar nos establecementos locais. Con ela búscase promocionar a calidade, proximidade e confianza do mercado de proximidade e animar á cidadanía a facer as súas compras en tendas e mercados municipais. Desta maneira, a intención é reforzar a importancia de consumir produtos de tempada de produtores e produtoras locais. Ademais, lembra aos e ás habitantes da provincia que mercar no comercio local é un xesto sostible, xa que ao ser produtos de proximidade conséguese reducir a contaminación que supón o seu transporte.

Esta nova iniciativa de promoción enmárcase nos proxectos “Commerce Insidee “Da túa man”, que a Administración provincial puxo en marcha no 2021 coa intención de favorecer a creación, desenvolvemento e consolidación de negocios do sector do comercio polo miúdo na provincia, así como axudarlles a abordar os novos retos competitivos trala pandemia pola covid-19. Estes dous programas contan cun orzamento total de algo máis de 2,1 millóns de euros, dos que o 70% está financiado con fondos europeos Next Generation e o 30% restante a partes iguais entre Deputación e os 21 concellos beneficiarios. En concreto, “Commerce Inside” está dirixido a concellos turísticos, con melloras e actuacións en Baiona, A Guarda, Bueu, Tui, Soutomaior, Caldas, Nigrán, Sanxenxo, Cambados e O Grove. En concreto, busca impulsar a transformación dixital do comercio local dotándoo de ferramentas estratéxicas para enfrontar os retos de futuro vencellados á actividade turística.

Por outra banda, as actuacións do proxecto “Da túa man” buscan apoiar mercadas, zonas urbanas comerciais, comercio non sedentario e canles curtas de comercialización nos concellos da Cañiza, Gondomar, Moaña, Meaño, Ponte Caldelas, O Rosal, Silleda, Salceda de Caselas, Tomiño, Poio e Ribadumia. Neste caso, a iniciativa busca proporcionar os cambios necesarios para reactivar o comercio da man, tanto de comerciantes, poñendo en marcha medidas para modernizar a iniciar a transformación dixital dos seus negocios, como da cidadanía, que é preciso xogue un papel protagonista no impulso dunha actividade tan esencial como é a do comercio.

Actuacións previstas

Entre as actuacións que se levarán ao cabo ao abeiro das dúas iniciativas contémplanse inversións na vía pública como a instalación de tótems informativos interactivos para turistas e residentes, creación de zonas axardinadas de descanso ou o deseño e implantación de sinaléctica corporativa; na transformación dixital do sector comercial, mediante a creación dunha plataforma de xestión de áreas comerciais, o desenvolvemento dun portal web e aplicación móbil, ou desenvolvemento dunha plataforma de Big Data para obter información de tendencias do consumo municipal, entre outras. Ademais, promocionaranse novos deseños de packaging para o comercio de proximidade como alternativa sostible e reutilizable ás de plásticos ou papel e se instalarán illas ecolóxicas para o depósito de biorresiduos e cartón.

Por outra banda, nos concellos nos que se está poñendo en marcha “Commerce Inside” haberá actuacións específicas como o despregue de puntos WIFI en zonas comerciais e o desenvolvemento de cursos de idiomas (inglés, francés e portugués) para comerciantes, mentres que naqueles que forman parte de “Da túa man” se buscará a transformación do punto de venda coa instalación e subministro de puntos de recollida intelixentes smart lockers para facilitar os procesos de compra no comercio de proximidade e a posta en marcha dun sistema de recollida de pedidos de forma colaborativa. Ademais, deseñaranse accións de sensibilización e formación, como a de competencias dixitais para comerciantes, a de habilidades dixitais para consumidores vulnerables ou o curso de deseño de novos packaging sostibles.

“Da túa man” e “Commerce Inside” xorden dentro do longo percorrido que a Deputación leva realizando para mellorar a competitividade do tecido comercial da provincia, con campañas como “Agora, máis que nunca, non perdas a oportunidade”, “Comercio local aquí e agora” ou “Pontevedra provincia na túa cesta”, entre outras accións.

Enlaces de interés

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 12 resultados.