Luis López avanza o compromiso do Goberno provincial cos proxectos que desenvolven as asociacións no coidado a persoas con alzhéimer

Coincidindo coa conmemoración do Día Mundial contra o Alzhéimer, o presidente da Deputación recibiu no seu despacho a representantes das catro asociacións de atención a persoas enfermas por esta enfermidade e á súas familias que operan na provincia

21/09/2023

Reunión Alzhéimer

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, puxo en valor o traballo realizado polas catro asociacións que lles prestan atención ás persoas enfermas de alzhéimer e ás súas familias na provincia e avanzou o apoio do Goberno provincial para os proxectos que teñen planeados para o próximo ano nunha reunión que tivo lugar este xoves no seu despacho do Pazo provincial, na que tamén participou a deputada de Benestar Social, Sandra Bastos.

Ao encontro asistiron os dirixentes de Afapo, José Manuel Redondo; Afamo, Fina Cancelas; Afasal, Marcos Rodal; e Afaga, Juan Carlos Rodríguez. Estes colectivos son asociacións de familiares de persoas enfermas de alzhéimer que prestan o seu servizo nas comarcas de Pontevedra, do Morrazo, do Salnés e no conxunto de Galicia.

Coincidindo coa conmemoración do Día Mundial contra o Alzhéimer, o presidente Luis López citou as persoas representantes destas asociacións para interesarse polo seu labor e coñecer máis polo miúdo os proxectos que teñen en axenda para o próximo ano; unhas iniciativas que contarán con todo o apoio do ente provincial, que neste mandato ten como obxectivo prestarlles a máxima colaboración aos colectivos sociais da provincia.

Deste xeito, o Goberno provincial está xa a valorar darlles continuidade aos convenios de colaboración con estas catro entidades de cara a 2024. Uns convenios dirixidos á aplicación de terapias non farmacolóxicas para pacientes con demencia, a servizos de atención integral a persoas afectadas de alzhéimer e á contorna familiar e convivencial, a atención ás coidadoras ou a rehabilitación funcional para as e os afectados.

Ademais, co obxectivo de darlles maior visibilidade ás necesidades das persoas e familias afectadas por este mal, a fachada do Pazo provincial permanecerá iluminada de cor verde durante as noites ata o 22 de setembro.

Galerias de imagenes