A vicepresidenta, Marta Fernández-Tapias, fai entrega de premios do noveno concurso de relato curto promovido por AFAGA

A Deputación súmase á conmemoración do Día Mundial do Alzhéimer coa iluminación do Pazo Provincial desde a noite deste mércores 20 de setembro ata a mañá do venres 22

19/09/2023

IX Certame de Relato Curto da Asociación

A sede da Deputación en Vigo acolleu este martes o acto de entrega dos premios do IX Concurso de Relato Curto “Nun Recuncho da Memoria”, promovido pola Asociación AFAGA, de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias. Nesta novena edición, os galardóns recaeron na categoría de traballos en galego en Guadalupe Vázquez Formos, co relato “Voa, avoa”, e en español en Lucas Naranjo Rodríguez con “Cuélebre”, e no acto de entrega participou Olga Milla en representación da directiva de AFAGA. Durante o acto a vicepresidenta primeira, Marta Fernández-Tapias, puxo en valor a “sensibilidade e o talento dos gañadores”, que deron lectura aos seus traballos, e o labor que desenvolve este colectivo desde Vigo para toda a provincia dende hai case 30 anos.

Na súa intervención, Fernández-Tapias salientou a gran participación que acadou o concurso, cun total de 160 relatos presentados desde diferentes países e cuxo tema era este 2023 a “Interxeracionalidade”. “Escribir sobre a interxeracionalidade é unha forma máis de facer memoria e, polo tanto, de seguir creando conciencia”, indicou a vicepresidenta, que louvou a iniciativa de AFAGA de vincular este certame a este tema de fonda preocupación social, “do más acaída na nosa meta de lograr unha sociedade inclusiva”.

Fernández-Tapias enxalzou o traballo pioneiro que AFAGA desenvolve desde hai case tres décadas en apoio ás persoas con esta enfermidade e tamén a familiares e coidadores, “pezas clave e fundamentais, que precisan un apoio especial para soportar as consecuencias desta doenza”.  E incidiu neste “encomiable” labor diario con programas de atención e formación e  servizos como o de atención integral á contorna familiar e convivencial de persoas con demencia, no que colabora a institución provincial.

A vicepresidenta afirmou que “é unha obriga” da Deputación apoiar estas iniciativas sociais e amosou a disposición do ente provincial a continuar esta colaboración con AFAGA que, como sinalou, traballa “a carón dunha doenza, como é o Alzhéimer, cuxa cura, pese aos progresos e avances científicos, aínda se está a facer esperar”. “A vosa solidariedade e compromiso é todo un exemplo a seguir para o conxunto da sociedade”, concluíu.

Iluminación do Pazo Provincial

A vicepresidenta primeira avanzou tamén que, no marco da conmemoración do Día Mundial do Alzhéimer, a Deputación de Pontevedra iluminará de verde o seu Pazo Provincial desde as 21:00 horas deste mércores 20 de setembro ata as 7:00 da mañá do venres 22. Deste xeito, a institución únese á campaña “Protagonistas do Alzhéimer”, da Federación Alzhéimer Galicia (FAGAL), que cumpre este ano 25 anos, co fin de poñer en valor ás persoas con demencia e ás súas persoas coidadoras, dándolle voz ás súas experiencias e reivindicacións.

O ente provincial mantén un total compromiso na loita contra as enfermidades neurodexenerativas en xeral e, co Alzhéimer en particular, uníndose ás campañas e proxectos que, como a desenvolvida este ano por FAGAL, sensibilizan e dan visibilidade á enfermidade. Así, ademais deste colectivo e de AFAGA, a Deputación colabora coa Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencia Tipo Azlhéimer (AGADEA), coa Asociación de Familiares e Persoas con Alzhéimer do Morrazo (AFAMO), coa Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e Outras Demencias de Pontevedra (AFAPO) ou coa Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer (AFASAL) para levar a cabo un programa de atención integral a persoas con Alzhéimer e outras demencias mediante a fisioterapia e a terapia ocupacional.

A institución provincial considera de vital importancia sumarse a iniciativas que teñen como obxectivo concienciar á cidadanía, informar sobre trastornos coma o Alzhéimer e mostrar todo o seu apoio ás persoas doentes e ás súas familias, posto que se trata dun mal que afecta de xeito significativo tamén ás persoas achegadas ás persoas que padecen a enfermidade.

Galerias de imaxes