O Plan ReacPon da Deputación impulsa a creación dun renovado espazo público na praza Frei Antonio Orge de Ponte Caldelas

O alcalde, Andrés Díaz, puxo en valor a "axuda tremendamente importante" da Deputación sen a cal "non sería posible acometer reformas como as desenvolvidas na praza de España ou a que imos facer agora en Frei Antonio Orge"

17/01/2022

"Sen a axuda tremendamente importante da Deputación de Pontevedra non sería posible acometer reformas como as desenvolvidas na Praza de España, realizada con medio millón de euros do Plan de Reequilibrio, ou esta reordenación da Frei Antonio Orge, tamén con outro medio millón de euros do Plan ReacPon". O alcalde de Ponte Caldelas Andrés Díaz mostrou así a súa satisfacción na sinatura do convenio coa presidenta Carmela Silva para a creación dun renovado espazo público que será posible  co Plan da Deputación, que se traducirá nun lugar pensado para as persoas e que mobilizará un total 493.966,62 € dos cales a Deputación achega 419.871,63 €. "Podemos ter ideas pero sen fondos é imposible", destacou o alcalde.

A presidenta Carmela Silva, felicitou ao concello de Ponte Caldelas polo carácter "modélico" do proxecto, pola "transformación que está a implantar na vila dende os principios da mobilidade amable" pero tamén "pola xestión dos fondos, dando cumprimento a prazos que moitas veces son complicados". "Dende que Andrés Díaz goberna en Ponte Caldelas non hai máis que pasear polas súas rúas para ser consciente deste gran cambio que está a permitir que a veciñanza viva nun pobo cada día mellor, máis desexable, máis fermoso e acolledor". Coa reordenación da praza Frei Antonio Orge, que seguirá amais os parámetros da sostibilidade, "estase construíndo outra Ponte Caldelas, centrada nas persoas, en beneficio da súa veciñanza pero tamén daquela outra que busca lugares para vivir".

"Somos moi conscientes –destacou- de que os concellos teñen poucos recursos e precisan un investimento extraordinario como o plan ReacPon para poder cumprir os seus soños e levar adiante proxectos planificados pero que non se poden executar por cuestións económicas". Recordou que "era un plan cunhas bases moi esixentes e prazos moi axustados o que amosa que os concellos teñen unha enorme capacidade de xestión, que compren e invisten todos os recursos que lle chegan". Neste eido a presidenta reclamou "á Xunta, ao Goberno do Estado e á Unión Europea que conte co mundo local, que facemos moi ben as cousas, que temos capacidade e non devolvemos ningún euro dos recursos que nos conceden" e reclamou á administración autonómica a que "faga plans como o ReacPon, con criterios obxectivos, para que os concellos, goberne quen goberne, poidan poñer en marcha proxectos para que a xente viva mellor, para que todo o mundo teña as mesmas garantías e dereitos. Nós como administración que defende aos concellos reclamamos isto, que se faga de xeito inmediato".

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Diaz, agradeceu o apoio da Deputación para impulsar proxectos de transformación urbana nunha vila que "leva catro anos seguidos medrando en poboación". Remarcou que o seu obxectivo de goberno é "transformar o casco urbano, moi antigo, moi centrado nos coches e nada nas persoas" e en dous anos de mandato e unha vez remate esta lexislatura "teremos conseguido case o 60% do que queremos facer". Neste eido incidiu en que os grandes proxectos, como a praza de España ou a de Frei Antonio Orge, "que agardamos ter executada en agosto", "non serían posibles" sen a axuda da Deputación e informou que outras rúas remodeladas débense a fondos europeos.

O proxecto da reordenación funcional da Praza Frei Antonio Orge suporá aumentar a superficie de uso peonil, mellorando a accesibilidade e seguridade viaria, e configurando un renovado espazo público interconectado coa rede de espazos peonís da vila. Ademais de reordenar o tráfico de vehículos, creando plataformas únicas, haberá unha nova praza con novo pavimento e mobiliario urbano (bancos, fonte, aparcadoiros de bicicletas, papeleiras, estanques, zonas axardinadas, etc.). Tamén se dotará á zona de novas instalacións para pluviais e iluminación led, máis eficiente.

O Plan da Deputación ReacPon, dotado con 26,3 millóns de euros, beneficia a 47 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes. Contou con bases esixentes e criterios obxectivos, aberto a proxectos maduros que contribúan a unha economía descarbonizada e á consecución dos obxectivos fixados na Axenda 2030 e nos fondos europeos. O programa suporá nestes concellos, ao longo do próximo ano e medio, a execución de ata 25 actuacións de mobilidade segura, tres novas bibliotecas, cinco reformas de casas consistoriais, cinco reformas de espazos culturais, a ampliación ecolóxica dun cemiterio, e oito novas infraestruturas deportivas. 

videos