A Deputación licita as obras que mellorarán a seguridade peonil na rúa Lepanto e na contorna do centro de saúde de Ponte Caldelas

A reforma deste tramo, que forma parte da estrada provincial EP-0407, está valorada en máis de 255.000 euros

14/06/2022

A Deputación ten aberto o prazo de presentación de ofertas para as obras de mellora da seguridade peonil no tramo urbano da estrada provincial EP-0407 en Ponte Caldelas, unha actuación valorada en 255.624 euros e que foi aprobada pola Xunta de Goberno unha vez que o convenio de colaboración tiña recibido o visto bo da Deputación e do propio Concello. A obra é financiada ao 70% pola institución provincial e cun 30% de fondos procedentes do Plan Concellos

O proxecto supón unha profunda transformación para un tramo con clara presión urbana cunha lonxitude de 225 metros (entre os PQ 8+775 e o PQ 9+000) e que presenta tipoloxía cambiante. Así, a zona de actuación arranca na rúa Lepanto e continúa pola explanada do aparcamento do Centro de Saúde en dirección á subida cara a igrexa de Santa Baia e O Casteliño. O obxectivo é a recuperación deste tramo da estrada provincial “entregando” gran parte deste espazo público aos peóns/as. O tramo da rúa Lepanto deséñase con plataforma única a causa da súa escasa sección, garantindo un ancho mínimo de 2,50 metros para as persoas a ambos lados. Dende a intersección coa Avenida de Galicia (a rúa da Casa do Concello) ata o punto final da actuación habilítase un espazo peonil con lousa de granito e bordo do mesmo material para que as persoas poidan camiñar tamén con seguridade. A zona quedará dotada con pasos de peóns elevados. Finalmente, soterraranse tódolos servizos de electricidade e telecomunicacións.

O proxecto formulouse para dar prioridade á mobilidade peonil por diante doutros modos de transporte, atendendo de xeito prioritario ás necesidades dos colectivos máis vulnerables: nenos e nenas, persoas maiores e persoas con diversidade funcional, e garantindo a accesibilidade universal na totalidade do ámbito de actuación. A rúa Lepanto converterase así, grazas á plataforma única, nun espazo peonil amable e de calidade con itinerarios peonís continuos e libres de obstáculos. Os vehículos perderán presencia e só poderán circular en sentido ascendente nunha contorna marcada polo calmado do tráfico e pola limitación da velocidade a 20 Km/h. O proxecto mantén o dobre sentido de circulación entre a intersección coa avenida de Galicia e o inicio a subida de Santa Baia, é dicir, na contorna do aparcamento do Centro de Saúde, con velocidade limitada a 30 km/h, pasos de peóns elevados, e o novo espazo peonil de lousas de granito na marxe das edificacións.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 11 resultados.