“A moi bo ritmo” a “ambiciosa” actuación na rúa Vázquez que transformará co plan ReacPon o casco urbano de Vila de Cruces

Visita oficial de Carmela Silva ao concello do Deza onde comprobou co alcalde Luís Taboada o avance das obras para o novo espazo, accesible, funcional, sostible e pensado para as persoas

11/01/2023

Obras na Rúa Vázquez en Vila de Cruces

“A moi o ritmo” avanzan as obras para converter a Rúa Vázquez de Vila de Cruces nun transformador espazo, totalmente accesible, funcional, sostible e pensado para as persoas. A presidenta da Deputación Carmela Silva e o alcalde Luís Taboada visitaron esta actuación que está a mudar por completo o casco urbano da vila cun investimento de preto de 900.000 euros e financiamento do plan provincial ReacPon.  “Trátase dunha obra que ten moito que ver co modelo que a Deputación cre que hai que referenciar en toda a provincia, apostando por mellorar a estrutura urbana, facilitando a mobilidade das persoas e embelecendo as vilas”, remarcou a presidenta na visita oficial realizada ao concello de Cruces onde previamente ao percorrido polas obras mantivo unha xuntanza co persoal municipal.

Tras a visita á actuación na rúa Vázquez, a presidenta provincial, Carmela Silva, sinalou que “síntome moi orgullosa de que estea tan avanzada porque supón unha grande transformación para Vila de Cruces. Non soamente aposta por mellorar o espazo público, senón por favorecer que haxa estruturas como canalizacións, redes de abastecemento, saneamento e alumeado, que non se ven pero son imprescindibles e nos van permitir que dure máis de 30 anos”. Destacou a aposta do goberno local por sumarse ao modelo que a Deputación está a espallar por toda a provincia, asegurando que “é un dos concellos que está a impulsar esas grandes transformacións”. E aproveitou a ocasión para recordar que o Plan ReacPon naceu precisamente para dotar de recursos extraordinarios aos concellos da provincia, para que “puidesen facer grandes obras”.

Ademais, a presidenta subliñou  a “importancia do mundo local, dos gobernos que mellor coñecen o territorio” e fixo fincapé na necesidade de respectar a súa autonomía achegando recursos  “sen arbitrariedade, con criterios obxectivos, para garantir servizos, dotacións, equipamentos que precisan os concellos”. Recordou que “nestes 7 anos do novo goberno da Deputación temos investido en Vila de Cruces preto de 9 millóns de euros, máis de 5 a través do Plan Concellos, pero tamén achegamos recursos para actuacións culturais, medioambientais, de igualdade, de apoio ao deporte, aos servizos sociais ou de recuperación e mellora das vías provinciais”.

Galerias de imaxes

videos

Mostrando o intervalo 1 - 3 de 23 resultados.