Preto de 500 persoas maiores comezan esta semana novos obradoiros do programa “Depo en marcha”

Xubiladas, xubilados e pensionistas de 27 entidades con sede en 19 concellos participarán nesta iniciativa da Deputación de Pontevedra que promove o envellecemento activo

11/09/2023

Arredor de 500 xubiladas, xubilados e pensionistas de 27 entidades con sede en 19 concellos da provincia comezarán esta semana, entre os días 11 e 16 de setembro, novas accións formativas do programa provincial “Depo en marcha”. A través desta iniciativa, a Deputación de Pontevedra promove a participación e a creación de espazos de encontro e intercambio de experiencias para fomentar a independencia das persoas maiores.

A semana arranca este luns 11 de setembro con seis novos obradoiros. O Centro Social da Terceira Idade de Vilagarcía de Arousa e a Asociación da Terceira Idade Garatuxa das Nosas Rúas (Vigo) realizarán cursos de teatro; a Asociación Galega para Axuda dos Enfermos con Demencia Tipo Alzhéimer (AGADEA) da Estrada iniciará un curso de habilidades dixitais para o uso cotián, mentres que a Asociación de Mulleres Rurais de Loño (Vila de Cruces) iniciarase en pilates. Ademais, a Asociación Camiño Vello de Marín e Comarca e a Asociación de Veciños San Andrés de Barrantes (Ribadumia) farán cursos de conservación da memoria.

O martes 12 de setembro será a quenda do comezo doutras cinco accións. Dous colectivos iniciaranse nos obradoiros de risoterapia: ATEGAL (Vigo) e a Asociación Centro Cultural e Social de Baíña (Baiona). A Asociación de Maiores de Ponteareas comezará un curso de conservación da memoria, a Asociación Centro Cultural Artístico e Recreativo de Valadares (Vigo) un obradoiro de musicoterapia e a Asociación de Veciños San Antonio (Arbo) iniciarase nas plantas medicinais.

O mércores 13 de setembro a Asociación Veciñal Doutor Fleming de Vigo iniciará un curso de conservación da memoria e as Mulleres Rurais Anduriña de Sobradelo (Vilagarcía de Arousa) participarán nun de restauración de mobles e tapicería.

O xoves 14 de setembro a Asociación Veciñal da Parroquia de Bora (Pontevedra) e a Asociación Cultural Chorima (Moraña) realizarán cursos de risoterapia. Tamén en Moraña, a Asociación de Mulleres Rurais O Menhir iniciarase na terapia emocional, na positividade e na canalización das emocións, mentres que a Asociación de Mulleres Rurais A Xuntanza (Fornelos de Montes) comezará un curso de restauración de mobles e tapicería.

O venres 15 de setembro teñen lugar oito obradoiros no marco do programa da Deputación. A Asociación Párkinson Baixo Miño (Tui) iniciarase na musicoterapia, mentres que a Asociación de Xubilados e Pensionistas de Caldas de Reis comezará un obradoiro de teatro. A Asociación Veciñal de Consumidores, Usuarios e Cultural Emilio Crespo de Navia (Vigo) iniciará un curso de risoterapia, e a Asociación Centro Cultural Recreativo Parada do Miñor (Nigrán), un de pandeireta e canto popular. Ademais, a Asociación Mulleres Rurais A Torre da Barreira de Riobó (A Estrada) e a Asociación de Veciños do barrio de Saramagos (Redondela comezarán cursos de bailes de salón. Pola súa banda, a Asociación de Veciños Penelas de Aguasantas-Cotobade (Cerdedo-Cotobade) participará nun curso de pilates e a Asociación de Pensionistas de Ariño-Aldán (Cangas) iniciará unha acción de conservación da memoria.

Por último, o sábado 16 de setembro a Asociación de Veciños e Amigos Santiago de Caroi (Cerdedo-Cotobade) farán un curso de pandeireta e canto popular, mentres que a Asociación Veciñal de Manduas (Silleda) se iniciará na restauración de mobles e tapicería.

Estas son algunhas das 130 accións que se ofertaron na actual edición de “Depo en marcha”, que beneficia arredor de 3.000 persoas ao longo de todo o ano. A Deputación destina preto de 146.000 euros ao programa e os obradoiros enmárcanse nos seguintes apartados temáticos: Aprendendo da natureza, Enredando, Dálle marcha, En rede e Móvete, activando corpo e mente.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.