Preto de 50 persoas xubiladas da provincia comezan os últimos cursos programados para este ano no marco de “Depo en marcha”

Pertencen a entidades de Lalín, Redondela e Sanxenxo; entre este sábado e o vindeiro martes comezarán tres novas accións formativas deste programa da Deputación de Pontevedra que promove o envellecemento activo

19/10/2023

Un total de 45 persoas xubiladas iniciarán entre o sábado e o vindeiro martes os últimos obradoiros e accións formativas programadas nesta edición da iniciativa provincial “Depo en marcha”. A través deste programa, a Deputación de Pontevedra promove a participación e a creación de espazos de encontro e de intercambio de experiencias para fomentar a independencia das persoas maiores.

O sábado 21 comezará o obradoiro de restauración de mobles, no que participarán integrantes da Asociación de Veciños de Moneixas, de Lalín e que terá lugar durante os seguintes sábados, entre as 16 e as 20 horas. Así mesmo, membros do Círculo Cultural Recreativo de Cesantes, de Redondela iniciarán un obradoiro de plantas medicinais que se desenvolverá todos os sábados entre as 17:40 e as 20:10 horas.

O último arranque de cursos do programa “Depo en marcha” está planificado para a próxima semana. Deste xeito, o Club de Pensionistas de Sanxenxo comezará o martes 24 de outubro o Curso de Habilidades Dixitais para o Uso Cotiá, que se desenvolverá os martes e venres de 18 a 20 horas.

Con estas tres accións comezan os 130 obradoiros e iniciativas formativas que se ofertaron na actual edición de “Depo en marcha”, que está a beneficiar arredor de 3.000 persoas da provincia. A Deputación destínalle preto de 146.000 euros ao programa, e os obradoiros enmárcanse nos seguintes apartados temáticos: Aprendendo da natureza, Enredando, Dálle marcha, En rede e Móvete, activando corpo e mente.

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.