A Deputación leva ao Palacete das Mendoza a exposición “Novas follas de herba” do pintor Juan Carlos Vilar
A mostra, na que o artista pontevedrés homenaxea o poeta Walt Whitman, poderá visitarse na sede de Turismo Rías Baixas ata o 15 de febreiro
26/01/2026
A Deputación de Pontevedra abre ao público o próximo venres 30 de xaneiro a exposición “Novas follas de herba”, do pintor e profesor pontevedrés Juan Carlos Vilar. Na mostra, que se poderá visitar no Palacete das Mendoza durante dúas semanas (ata o 15 de febreiro), o artista continúa a súa homenaxe á obra poética de Walt Whitman, especialmente o título “Leaves of grass”, que xa presentou na sede de Turismo Rías Baixas en 2024 coa súa escolma “Follas de herba”.
Así, en “Novas follas de herba” o pintor volve tomar como punto de partida o espírito democrático, expansivo e profundamente humanista da obra poética de Whitman e, ao igual que este celebrou a multiplicidade do mundo, a dignidade do ordinario e mais a beleza do individuo anónimo, a mostra traslada ese impulso poético ao territorio visual da cidade contemporánea. Os cadros da exposición funcionan como follas dentro do campo urbano para revelar a súa grandeza na aparente simplicidade. As imaxes recollen paisaxes urbanas, obxectos comúns e personaxes da rúa anónimos, presentados coa mesma sensibilidade inclusiva e afectuosa coa que Whitman retratou o ser.
Juan Carlos Vilar (Pontevedra, 1958) ten formación autodidacta como debuxante. Cun estilo realista, comezou debuxando a lapis e carbón vexetal, e a súa técnica derivou ao “gouache” (ou augada), tinta chinesa e acrílico. Comezou expoñendo de maneira colectiva en 1974 no Liceo de Vilagarcía de Arousa e, en 1982, fixo a súa primeira exposición individual na Sala Albatros de Pontevedra. En 1986 foi seleccionado no certame Novos Valores, convocado anualmente polo Museo de Pontevedra. Ao longo da súa traxectoria ten recibido numerosos galardóns, como o primeiro premio do Certame Nacional de Debuxo Felipe Orlando (Málaga, 2017), o do XXII Concurso de Pintura con motivos taurinos (Sevilla, 2018), ou o segundo premio no Concurso nacional de Debuxo Antonio del Rincón (Guadalajara, 2020).
A exposición “Novas follas de herba”, que acollerá a partir deste venres a sala de exposicións do Palacete das Mendoza, pode visitarse ata o 15 de febreiro no horario habitual da sede de Turismo Rías Baixas: de luns a venres de 9:00 a 20:00 horas, os sábados e festivos de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas, e os domingos de 10:00 a 14:00 horas.