Deputación e UVIGO lanzan unha guía para impulsar a reflexión crítica da mocidade sobre a situación social do galego

A publicación, destinada a docentes, quere aproveitar a “etapa vital de grandes cambios” do alumnado de secundaria para que acade “plena autonomía, xustiza e liberdade lingüística”

19/04/2023

Xornadas Lingua e Sociedade UVIGO

A Deputación de Pontevedra, a través do seu departamento de Lingua, e a Universidade de Vigo, a través da súa Área de Normalización Lingüística, veñen de lanzar unha guía para impulsar a reflexión crítica da mocidade sobre a situación social do galego. A publicación, destinada a docentes, quere aproveitar a “etapa vital de grandes cambios” do alumnado de secundaria para que acade “plena autonomía, xustiza e liberdade lingüística”.

Titulada ‘A reflexión sobre a lingua na sociedade: alén dun contido curricular, unha necesidade estratéxica. Propostas para a docencia’, está dispoñible en formato dixital en depo.gal e chegará en formato físico a todos os centros de ensino, bibliotecas e puntos de lectura municipais na provincia.

O traballo define algunhas ferramentas e propostas que permitean mellorar o ensino da situación sociolingüística do galego nas aulas de Secundaria e busca contribuír a que o alumnado comprenda a situación de minoración na que se atopa o idioma. De feito, a guía destaca que dentro da amálgama de coñecementos lingüísticos presentes no sistema educativo, a perspectiva sociolingüística crítica é fundamental se se quere contribuír dende o ensino a que “o alumnado acade unha plena autonomía, xustiza e liberdade lingüísticas como suxeito social”: “É unha condición indispensábel –máis nunca suficiente- para que o alumnado sexa quen de se emancipar (socio)lingüisticamente”.

Entre outras fortalezas para poder desenvolver a reflexión crítica coa rapazada, o estudo sinala “a etapa vital do alumnado de secundaria, chea de importantes cambios, cun relevante potencial para afondar nas problemáticas sociais desde a reflexión sociolingüística crítica”, algo que debe ser aproveitado dende os equipos de dinamización lingüística de IES e centros da ESO. Destácase a necesidade de “facer conscientes –a alumnas e alumnos- da preocupante situación social do idioma galego e ir desbotando prexuízos sobre a nosa lingua vixentes en parte da poboación escolar” para acadar un maior número de neofalantes.

A guía publicada hoxe (da man de Fernando Ramallo, Luís López Alonso e Xabier Benavides da Vila)  é a última parte do proxecto de investigación ‘Lingua e sociedade no ensino secundario obrigatorio e no bacharelato. Práctica docente, formación, expectativas de futuro, demandas e propostas de mellora entre o profesorado’ realizado pola Área de Normalización Lingüística Universidade de Vigo co financiamento da Deputación de Pontevedra. Anteriormente realizouse unha fase de traballo de campo e unha xornada participativa na que se achegaron novas focaxes críticas.

Xa está en marcha a distribución da publicación en formato físico entre os centros de ensino da provincia –tanto de primaria como de secundaria-, así como tamén nas bibliotecas e puntos de lecturas municipais para que se poida consultar por parte das persoas lectoras. Pode descargarse dixitalmente no apartado de Lingua da web da Deputación, depo.gal , e as persoas interesadas tamén poden solicitar un exemplar físico solicitándoo no departamento de Lingua da Deputación de Pontevedra.

documentos

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.