A Deputación presenta o proxecto piloto para loitar contra a fenda dixital e a soidade non desexada en cinco concellos da provincia

Carmela Silva reuniuse coas alcaldías de Cuntis, Forcarei, A Illa de Arousa, Moraña e As Neves, onde se porá en marcha o hub financiado polo Ministerio para o Reto Demográfico

02/12/2022

FENDA DIXITAL E SOIDADE NON DESEXADA

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, reuniuse este venres coas alcaldías dos cinco concellos que participarán no proxecto piloto ‘Hub para a loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada no medio rural da provincia de Pontevedra’: A Illa, Moraña, As Neves, Cuntis e Forcarei. O proxecto provincial, que se desenvolverá nestes municipios durante 2023 e 2024, terá un orzamento de medio millón de euros e recibiu unha achega de máis de 280.000 € do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico dentro das subvencións para o financiamento de proxectos promovidos por entidades locais para a innovación territorial e a reactivación da actividade socioeconómica e a loita contra o despoboamento. De feito, foi un dos proxectos máis valorados do Estado. No encontro de hoxe estiveron presentes os alcaldes e alcaldesas de Cuntis, Manuel Campos, de Forcarei, Verónica Pichel, da Illa de Arousa, Carlos Iglesias, de Moraña, José Cela, e das Neves, Xosé Manuel Rodríguez.

Carmela Silva asegurou que “o rural ten futuro, estou convencida, e témolo que encher de recursos, servizos e dereitos para que eses concellos sexan sitios apaixonantes e nos que sexa unha marabilla vivir”. A presidenta agradeceu os cinco concellos participantes “polo compromiso e pola complicidade, porque sen iso e sen medidas non teremos resultados”. Ao sumarse, asegurou, “ides ser referentes nesta loita. Grazas a este proxecto imos poder extraer datos e, froito do contacto coa xente, detectaremos o que solicitan e idearemos novos proxectos”. Carmela Silva lembrou que tanto a soidade non desexada como a fenda dixital son graves problemas que afectan moito o rural. “A relación humana é fundamental porque somos seres sociais, e temos que darlle unha resposta desde o dixital”, asegurou, mentres que sobre a “profunda” fenda dixital, “que afecta moitas persoas”, lembrou que “o físico, aínda que non nos guste, está desaparecendo, polo que debemos ter instrumentos que respondan a esta realidade”.

O Hub busca a mellora das habilidades dixitais, orientado especialmente a persoas maiores e mulleres (aínda que se poderían sumar outras persoas que detecten esta necesidade), especialmente no ámbito rural onde a fenda dixital é máis patente, e que chegará a aproximadamente 500 persoas.

O programa articúlase en tres bloques principais: capacitación e formación en habilidades e competencias dixitais, desenvolvemento dunha plataforma innovadora de formación cun módulo de creación de contidos e, por último, desenvolvemento de servizos e solucións inclusivas e accesibles adaptadas á contorna e aos colectivos en risco de exclusión en municipios de reto demográfico de carácter rural.

Na área de capacitación e formación, habilitaranse espazos nestes cinco concellos para realizar 8 formacións presenciais (50 persoas por itinerario), dotándoos polo tanto do equipamento tecnolóxico e audiovisual necesario. Ademais, crearase unha rede de voluntariado dixital para dar soporte tecnolóxico a quen o precise a través de chats e foros de conversa para persoas en soidade, promovendo así a participación interxeracional.

No eido da plataforma interactiva, seleccionaranse 25 axentes dixitalizadores ou influencers, persoas con coñecementos e habilidades no emprego das novas tecnoloxías, que actuarán como capacitadoras ante a súa veciñanza. Estas persoas participarán unha plataforma de formación activa e contidos dixitais na que se habilitarán canles de contidos dinamizados polos propios e as propias influencers sobre cuestións como turismo, patrimonio ou aprendizaxe musical. Unha parte destes grupos de axentes terán que ser veciñas ou veciños de cada un dos cinco concellos.

Na área de desenvolvemento de servizos e solucións inclusivas, realizarase unha diagnose dos servizos dixitais das administracións cos que se elaborará un Libro Branco de servizos dixitais inclusivos e accesibles e tamén se organizará unha xornada ou sesión de laboratorio de innovación social, na que participarán empresas tecnolóxicas e provedoras de servizos sociais. O obxectivo da sesión será desenvolver solucións amables coas persoas maiores e con pouca formación dixital, que teñan en conta como empregan as tecnoloxías.

O Hub para a loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada no medio rural da provincia obedece á escasa rendibilidade e viabilidade económica da prestación de servizos presenciais en contornas rurais con pouca poboación, con procedementos substituídos pola autoxestión en liña, pero tamén debido ao aumento das canles dixitais para manter relacións sociais e por mor da desconfianza na seguridade nas transaccións económicas por descoñecemento e polas noticias de ciberdelitos. Así, o Hub impulsado pola Deputación busca que as TIC se convertan nunha oportunidade para mellorar a autonomía e a calidade de vida da veciñanza e apoderala na súa relación coa administración, no mantemento de relacións e contactos sociais e no acceso á telemedicina ou á teleasistencia.