A Deputación pon en marcha un proxecto para loitar contra a fenda dixital e a soidade no ámbito rural da provincia

Carmela Silva: “É un programa moi humano e moi potente, que pon no centro o dereito das persoas maiores, sobre todo das mulleres, e do rural”

18/11/2022

Rolda de prensa

A Deputación de Pontevedra vén de recibir unha nova subvención do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) de 280.658 euros para desenvolver o programa “Hub para a loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada no medio rural da provincia de Pontevedra”. Este proxecto piloto, como explicou a presidenta Carmela Silva, porase en marcha nos concellos da Illa de Arousa, As Neves, Cuntis, Moraña e Forcarei, concellos de reto demográfico, formará a un total de 500 persoas e está orientado especialmente a persoas maiores, e máis especificamente a mulleres, que “son as que están tendo moitas dificultades hoxe en día na comunicación con administracións, empresas e servizos e hai que xestionala en moitas ocasións de forma telemática”. É, por tanto, “un proxecto moi humano e moi potente, que pon o dereito das persoas maiores e do rural no centro”.

O proxecto articúlase en torno a tres bloques principais: a capacitación e formación en habilidades e competencias dixitais, o desenvolvemento dunha plataforma innovadora de formación cun módulo de creación de contidos, e o desenvolvemento de servizos e solucións inclusivas e accesible adaptadas á contorna e aos colectivos en risco de exclusión en municipios de reto demográfico de carácter rural. Máis concretamente, seleccionaranse axentes dixitalizadores ou “influencers”, é dicir, persoas con coñecementos e habilidades básicas ou intermedias no emprego de tecnoloxías que actuarán como capacitadoras ante os seus propios veciños e veciñas. Ademais, serán os encargados de realizar unha diagnose dos servizos dixitais das administración, que servirá para elaborar un Libro Branco de servizos dixitais inclusivos e accesibles, que, segundo confirmou a presidenta da Deputación, “despois se porá a disposición de todos os concellos de reto demográfico da provincia”.

Por outra banda, habilitaranse espazos nos concellos para realizar as formacións presenciais, dotándoos para iso do equipamento tecnolóxico e audiovisual preciso e na plataforma de formación que se desenvolverá habilitaranse canles de contidos dinamizados polos propios influencers sobre cuestións como turismo, patrimonio, aprendizaxe musical. Etc. Ademais, levarase a cabo unha xornada de encontro entre empresas tecnolóxicas e provedores de servizos sociais que servirá a modo de catalizador de novas ideas de negocio para os colectivos vulnerables no eido dixital no rural. Por último, crearase unha rede de voluntarios e voluntarias dixitais para dar soporte tecnolóxico á quen o precise, que manterán ademais chats e foros de conversa para persoas en soidade, promovendo desta maneira a participación interxeracional, permitindo “atender ás persoas maiores de forma personalizada. É algo que xa se viña facendo en moitos concellos e grazas ás plataformas que temos agora podemos estar conectados e conectadas con esas persoas, que están moito tempo soas e que precisan ter relacións humanas”, explicou Carmela Silva.

Xunto a este programa da Deputación, outros tres proxectos da provincia de Pontevedra recibiron financiamento ao abeiro deste programa, cun total de 740.364 euros, todos eles “proxectos moi novidosos e moi humanos que dan resposta contra o reto demográfico”. Convértese así na segunda provincia só por detrás de Ourense, que máis financiamento recibe nesta convocatoria de axudas e, no conxunto nacional, é unha das principais beneficiaras por diante de “grandes provincias como Madrid ou Barcelona”.