O Pazo Provincial ven de recibir a Iván García e Sergio Troitiño, os taekwondistas referentes da provincia

23/12/2022

O responsable da área provincial de deportes, Gorka Gómez, quixo felicitar a ambos deportistas asegurando que “votarémonos a ver, porque a vosa traxectoria vainos a dar a oportunidade de volver a recoñecervos na Deputación”. Destacou que dende a institución provincial sempre “intentamos poñer en valor os éxitos deportivos de todas e todos os deportistas e de todos os deportes”. Tamén salientou  importancia de que as nenas e nenos “empecen desde a base con referentes” e “acaden os valores do deporte”, e para iso e fundamental que se destaquen disciplinas como o taekwondo que “non esta todo o visibilizado que merece”.

Por outra banda, remarcou a relevancia da disciplina e o sacrificio persoal no deporte, “un deportista para chegar a elite ten que renunciar a moitas cousas que serian propias de súa idade” e puxo en valor a labor de aquelas persoas e profesionais que están detrás dos éxitos deportivos “hai moita xente que acompaña a un deportista: a familia, os clubs, preparadores físicos adestradores, nutricionistas ou psicólogos, dos que moitas veces a súa labor non é recoñecida”.

O taekwondista Iván García quixo agradecer a Deputación o seu apoio e a recepción feita polo deputado de Deportes, xa que “se estamos aquí é porque as cousas van ben”. Iván García que ven de proclamarse subcampión do mundo na categoría de máis de 87kg no Mundial de Guadalajara en México, amosouse moi contento cos seus resultados que “foron medrando campionato a campionato” sempre traballando e xestionando o mellor posible todos os seus recursos. Agora pon rumbo a recta final, os xogos olímpicos, “espero estar o próximo ano entre os 5 primeiros postos e poder clasificarnos”. Pola súa banda, Sergio Troitiño, recente campión de Europa júnior de máis de 78kg de Pesos Olímpicos en Riga, amosouse “moi feliz cos resultados que teño” e espera poder acadar moitos máis éxitos na categoría sénior.