A Deputación preséntalles aos concellos da provincia as liñas mestras do seu novo Servizo de Xuventude e Reto Demográfico

O deputado Jorge Cubela mantivo unha xuntanza con máis de 30 representantes de concellos para escoitar as súas demandas e dar a coñecer os proxectos dirixidos á mocidade que a Deputación puxo xa en marcha

05/03/2024

Liñas mestras do seu novo Servizo de Xuventude e Reto Demográfico

A Deputación de Pontevedra presentoulles esta mañá aos concellos da provincia as liñas mestras do seu novo Servizo de Xuventude e Reto Demográfico, posto en funcionamento neste 2024 baixo o liderado de Jorge Cubela. O deputado provincial foi o encargado de presentar as novas liñas de subvencións e proxectos en materia de xuventude e reto demográfico impulsados polo novo servizo da Deputación e de escoitar tamén as demandas de concelleiras, concelleiros e persoal técnico de trinta concellos da provincia que se deron cita esta mañá nunha participativa xornada no Edificio Administrativo da Deputación.

“Como alcalde —asegurou Jorge Cubela— sempre botei en falta a implicación doutras administracións en materia de xuventude, e nós, precisamente, o que queremos desde a Deputación é cubrir ese oco con este novo servizo”. Neste eido, o deputado asegurou que “o noso compromiso é escoitar as vosas propostas, iniciativas e ideas en materia de xuventude, para atendelas en igualdade de condicións, sen filtros políticos”. Ademais, a través do Servizo de Xuventude e Reto Demográfico preténdese “non só ofertar novas liñas de actuación, senón tamén ser o promotor da coordinación e da posta en valor de accións que se levan a cabo para darlle voz á mocidade da provincia”.

Deste xeito, nos menos de tres meses de funcionamento do novo servizo de Xuventude, tal e como explicou Cubela, realizouse xa un estudo da normativa e do que se está a desenvolver neste ámbito noutros organismos e deputacións provinciais. Ademais, tamén se puxeron en marcha iniciativas coma os Premios Provinciais á Xuventude, o Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos ou o Plan +Xuventude, a primeira liña de subvencións por concorrencia competitiva creada pola institución provincial para asociacións xuvenís e grupos informais.

Xunto a estas iniciativas, iniciouse xa o proceso de elaboración do I Plan Estratéxico de Xuventude da Provincia, que se redactará tendo en conta todos os sectores e actores implicados (desde os concellos ata a propia xuventude) e se converterá no eixe central de acción das políticas xuvenís que a Deputación vai impulsar nos próximos anos. Ademais, desde o novo servizo estase tamén a traballar en iniciativas dirixidas a concellos de reto demográfico para equipar locais xuvenís de titularidade municipal, en liñas de axudas para as ANPA e os centros educativos públicos para organizar excursións a granxas escolas, nun programa de semanas brancas, nunha liña de axudas para que a mocidade poida acceder a vivenda no rural, nun programa de actividades extraescolares para primaria e secundaria, en iniciativas para loitar contra a fenda dixital e en programas centrados na saúde mental da mocidade, entre outras.