Luis López ve na xornada sobre recursos da Unión Europea para a xuventude outro sinal da aposta estratéxica e transversal da Deputación pola mocidade da provincia
Profesionais do ensino, técnicos municipais e integrantes do tecido asociativo xuvenil de distintos concellos descobren da man da administración provincial e a Fundación Galicia Europa recursos de formación, emprego ou mobilidade que ofrece a UE
07/05/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, pon de manifesto a aposta estratéxica da administración provincial coa xuventude, á que destina plans e recursos, coa acollida no Salón de Plenos da xornada “Recursos da Unión Europea para a xuventude” á que asistiron preto de setenta profesionais do ensino, técnicos municipais de xuventude e membros do tecido asociativo xuvenil da provincia para que coñezan os programas que a UE ten á disposición da xuventude en eidos como o formativo, o emprego ou a mobilidade. Na inauguración Luis López lembrou que “o día 9 é o Día de Europa, un proxecto común de paz e de liberdade que temos que coidar”, pero tamén que “non só a Unión Europea apoia a xuventude, porque na Deputación estamos a facer unha importante aposta e hoxe damos un paso máis no noso compromiso coa mocidade da provincia”. O acto estivo impartido polos responsables da Fundación Galicia Europa e tamén contou coa participación do deputado responsable de Fondos Europeos, Javier Tourís.
O obradoiro “Recursos da Unión Europea para a xuventude”, que organizou a Deputación de Pontevedra en colaboración da Fundación Galicia Europea, ofreceu aos asistentes unha visión completa dos programas e recursos da Unión Europea dispoñibles para formación, mobilidade e participación cidadá. Un amplo catálogo de posibilidades que os mozos e mozas da provincia poden descubrir no Punto Europa Direct Galicia que coordina a Fundación Galicia Europa. Nesta xornada explicouse de xeito detallado o contido de programas como Corpo Europeo de Solidariedade, DiscoverEU, Semana Europea da Xuventude, Eures, Diálogo da UE coa Xuventude ou Mozos Xornalistas en Europa.
O presidente lembrou que nesta xornada o persoal da Fundación, “que ten as claves de Europa”, comparte “coñecemento en aras a mellorar a parte de formación e empregabilidade que pode reportar a Unión Europea”, e tamén puxo en valor o traballo da Deputación “buscando vías de colaboración tanto de xeito presencial en Bruxelas, onde estivemos recentemente, como cos programas con fondos europeos que xestionamos e que teñen un impacto moi positivo na mocidade”. Entre eles, o proxecto Erasmus+, unha iniciativa na que participa a Deputación de Pontevedra mobilizando o ano pasado máis de 700.000 euros para ofrecer a estudantes de formación profesional a posibilidade de realizar prácticas laborais en países da Unión Europea.
Ademais, o presidente tamén sinalou outras experiencias como “os Premios Provinciais á Xuventude, cos que premiamos o talento e estimulamos iniciativas xuvenís con 36.000 € e no que este ano batemos récord de candidaturas; o Plan +Xuventude, para levar do papel ao terreo as ideas dos nosos mozos e mozas cun orzamento de 120.000 €; o DepoEmprende, para converter os nenos e nenas en verdadeiros emprendedores; ou co +Emprega e o Plan +Provincia promovendo contratacións nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia, entre eles mozos que acadan a súa primeira experiencia laboral e coñecen a administración desde dentro”, enumerou o presidente Luis López, que tamén destacou o segundo convenio coa Consellería do Mar, asinado esta semana, para ofrecer aos estudantes do IGAFA (o centro galego de formación en acuicultura da Illa de Arousa) prácticas laborais en empresas ou institucións doutros países para avanzar na especialización en eidos como a acuicultura ou o mergullo profesional.
“Este obradoiro non será o último, organizaremos máis encontros e talleres específicos. Queremos acompañarvos neste camiño porque se algo temos claro nesta Deputación é que investir na mocidade é investir no futuro da nosa provincia, e ese futuro constrúese tamén en Europa”, concluíu o deputado Javier Tourís para pechar unha xornada na que o presidente Luis López amosou o agradecemento da Deputación pola boa acollida e reafirmou o compromiso do goberno provincial no “apoio estratéxico” á mocidade.
