Luis López anuncia unha nova orde de axudas de 210.000€ para que entidades de benestar social realicen proxectos de accesibilidade, mobilidade ou atención persoal
O mandatario provincial visita en Vilagarcía a sede da Fundación Lar Pro Saúde Mental para coñecer as actuacións realizadas ao abeiro deste plan, que serviu para executar obras de accesibilidade e adquirir sistemas de comunicación por valor de 18.000€
09/04/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de informar nunha visita á sede da Fundación e Asociación Lar en Vilagarcía de Arousa da convocatoria da terceira edición do Plan Provincia +Inclusiva que o organismo provincial pon a disposición de entidades de benestar social de toda a provincia para financiar proxectos relacionados con obras de accesibilidade, de mobilidade ou coidado persoal ou coa adquisición de sistemas de comunicación. O plan dispón dun orzamento de 210.000 euros e concederá axudas dun máximo de 10.000 euros aos interesados, que poderán presentar a solicitude desde hoxe e ata o vindeiro 9 de maio.
“Nestes máis de dous anos de goberno, a acción en Benestar Social está a ser un dos piares da nosa acción de goberno. En case tres anos levamos inxectados nos concellos máis de 24M€, pero tamén temos axudas directas para entidades de benestar social e programas dos que os colectivos sociais son os principais destinatarios como no +Convivencia. E hai un moi importante que nos trae hoxe aquí, que é o Provincia +Inclusiva que puxemos en marcha no ano 2024 despois de ter encontros con entidades os que vimos a necesidade de habilitar fondos para mellorar a accesibilidade e adquirir medios de comunicación persoal”, explicou o presidente Luis López despois de percorrer as instalacións da Fundación acompañado pola deputada de Benestar Social, Paula Bouzós, e persoal da entidade.
Na primeira convocatoria deste plan provincial financiáronse 19 proxectos cun desembolso total por parte da Deputación de 115.000 euros. O ano pasado os proxectos subvencionados eleváronse ata os 30 cunha achega de 210.000 euros e este ano a Deputación volve elevar o orzamento nun 17 % con respecto á primeira convocatoria para atender o maior número posible de propostas. “Non é unha obriga, senón unha mostra do apoio e recoñecemento que tedes que recibir de man de administracións como a Deputación”, recoñeceu o dirixente.
“A Fundación Lar Pro Saúde Mental é un referente non só en Vilagarcía e no Salnés, senón en toda a provincia. Se esta provincia é extraordinaria é grazas a persoas, profesionais e entidades como Lar Pro Saúde Mental”, salientou Luis López para poñer en valor o “papel clave” que xogan este tipo de entidades para “chegar moitas veces onde ás administracións non damos chegado”. Un motivo polo que o presidente provincial reiterou o recoñecemento e reafirmou o compromiso da Deputación para seguir tendendo pontes tanto coa Fundación Lar Pro Saúde Mental como con toda a rede de colectivos que prestan servizo no eido do benestar social da provincia.
