Luis López anuncia o arranque do deseño da campaña de Turismo Rías Baixas para o próximo 2027

A institución provincial deu luz verde este venres ao expediente de contratación desta nova campaña, na que se investirán inicialmente 225.000 euros

26/06/2026

Luis López anuncia o arranque do deseño da campaña de Turismo Rías Baixas para o próximo 2027

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou este venres de que a Xunta de Goberno da institución provincial deu luz verde ao expediente de contratación para a posta a punto da próxima campaña do destino Rías Baixas, na que se prevé un investimento inicial de 225.000 euros con posibilidade de prórroga, co que o investimento chegaría aos 750.000 euros. O presidente sinalou que esta campaña “seguirá apostando por consolidar a provincia como un destino turístico sostible, de calidade e con capacidade de desestacionalización, como xa o vimos facendo con A túa meta, o teu destino, Cando volves? e 100% Rías Baixas”.

O contrato inclúe conceptos como a creatividade, deseño e coordinación da campaña de promoción, a elaboración de pezas audiovisuais e publicitarias para todos os soportes, así como actos de presentación do destino tanto dentro como fóra da provincia, FITUR entre eles.

A través desta nova campaña, a Deputación busca consolidar a marca turística Rías Baixas como referente de calidade, sustentabilidade e diversidade na súa oferta turística, así como promocionar o conxunto do territorio procurando visibilidade para os 61 concellos que conforman a provincia. Tamén se busca atraer novos perfís de visitantes mediante unha oferta vinculada a aspectos como a cultura, a gastronomía, a natureza, o deporte e o patrimonio, así como incrementar a notoriedade internacional do destino e reforzar a fidelización no mercado nacional.

Luis López pide a Aena “que dea pasos reais cara á captación de voos internacionais” en Peinador

O presidente volveu lembrar que o turismo estranxeiro, con datos de maio, xa logrou superar por primeira vez o turismo nacional cun “51% de chegados de fóra das nosas fronteiras fronte a un 49% de españois, dentro dunha “estratexia de internacionalización do destino, apoiada en presenzas en feiras de nivel como Madrid, Londres ou Berlín, que dá froitos”. Tamén “que estamos a ser un destino máis competitivo en termos de marca, de imaxe e de capacidade para atracción de visitantes”, e “que os nosos atractivos, comezando polo Camiño, as Illas Atlánticas, as Rías ou o interior, están alcanzando fama internacional”. Por iso o presidente da Deputación preguntouse: “Ata que punto podería chegar o noso turismo se tiveramos conexións aeroportuarias dignas destes datos?”.

O presidente López fixo “un chamamento” a que “os verdadeiros competentes na materia, Aena, é dicir, Ministerio de Transportes e Goberno de España, se apliquen na atracción das rutas aeroportuarias a Peinador”, porque “o turismo está demostrando estar moi por riba da súa xestión”. Malia a falta de voos, indicou o presidente, “o turismo está sabendo captar cada vez máis visitantes estranxeiros, que moitas veces están ligado a máis gasto no noso tecido”. Por ese motivo “pido a Aena que dea pasos reais cara á captación de rutas, e que todos os axentes con influencia no aeroporto se deixen de confrontación e que traballen na captación de voos internacionais e na mellora das conexións”.

videos

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.