A Deputación impulsa a mellora da vía da Prata no barrio da Casela, en Bandeira, con fondos europeos

A actuación, enmarcada dentro das liñas de traballo do Plan de Sostibilidade Turística no Destino Deza e Tabeirós-Terra de Montés, conta cun orzamento de 223.000 euros e permitirá recuperar espazo público para as persoas

03/04/2023

Mellora vía da Prata Bandeira Silleda

A Deputación de Pontevedra mellorará a Vía da Prata no barrio da Casela, en Bandeira (Silleda), grazas a un investimento de 223.000 euros ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística no Destino Deza e Tabeirós-Terra de Montes. Desta maneira, xa está redactado o proxecto de mellora da transitabilidade nesta zona co obxectivo de mellorar a seguridade tanto na Vía da Prata como nesta contorna pola que ao longo do ano 2022, segundo a Oficina do Peregrino, pasaron 10.652 persoas. O deputado provincial Manuel González, o alcalde de Silleda, Manuel Cuiña e a concelleira de Cultura e Turismo, Mónica González, visitaron hoxe a zona na que se actuará, que comprende 150 metros, que van desde a N-525 ata a EP-6511, nos que se creará unha senda peonil, reporanse luminarias e mellorarase a recollida de pluviais e a sinalización.

Como explicou o deputado Manuel González, o proxecto, que está financiado con fondos do Plan de Recuperación do Goberno do Estado, “terá un impacto positivo para as persoas residentes neste barrio silledense, xa que recuperarán o espazo público e obterán unha mellora substancial no acceso ás súas vivendas”. Pola súa banda, o alcalde Manuel Cuíña destacou que servirá “non só para garantir a seguridade dos milleiros de persoas que realizan cada ano o Camiño a Santiago polo Camiño Mozárabe e o Camiño de Inverno, senón tamén para dar servizo ás vivendas situadas na zona da Casela”.

A previsión é que as obras sexan licitadas o vindeiro mes de maio, en canto se obteñan as autorizacións sectoriais pertinentes. Unha vez executadas as obras das sendas peonís, os e as veciñas que residen neste núcleo da Bandeira tamén poderán transitar con maior seguridade cara ao centro da vila. Deste xeito foron varias e varios as/os que se achegaron ata este punto da Vía da Prata para coñecer de primeira man as liñas xerais do proxecto que se atopa agora en fase de redacción. O rexedor silledense e a concelleira aproveitaron para agradecer á Deputación a inclusión desta actuación no Plan de Sostibilidade Turística Deza e Tabeirós- Terra de Montes, que se implementará con outras dotacións tamén destacadas para o municipio.

Precisamente, este Plan de Sostibilidade Turística ten como obxectivo promover a transformación nestas comarcas e orientalas cara a un modelo ecoturístico que xere experiencias memorables para as e os viaxeiros, supón un investimento de máis de 600.000 euros de fondos europeos no concello de Silleda. Así, en concreto en Silleda están a realizarse actuacións como esta intervención ou a museografía dixital do Mosteiro de Carboeiro. No conxunto do territorio, tamén se levarán a cabo a adecuación e homologación de diferentes itinerarios non motorizados en espazos naturais que afecta á Ruta da Fervenza da Toxa; a sinalización intelixente dos recursos turísticos vinculados aos camiños de Santiago no conxunto da comarca; ou a creación de contidos para portais especializados e redes sociais, con concursos de gamificación e unha campaña de comunicación e promoción en mercados emisores claves.

 

Galerias de imagenes