O Museo retoma este venres o concerto de violín e piano que simula a viaxe de Castelao por Europa en 1921 a través da música

A entrada á actuación do ‘Dúo Loura’ é libre ata completar capacidade

07/02/2022

Kickboxing ABP Sport

Logo do obrigado aprazamento por enfermidade do concerto do ‘Dúo Loura’ hai unhas semanas, o Museo de Pontevedra xa ten nova data para o evento: este venres 11 ás 19.30h no Edificio Castelao. Baseándose nos gustos do artista rianxeiro, Lourdes Olbés e Raúl Rodríguez interpretarán pezas nacionalistas e impresionistas de principios do século XX nunha velada que promete ser moi interesante.

A actuación, organizada como complemento á exposición xa finalizada ‘Castelao en Europa. A viaxe de 1921’, será un percorrido similar ao que protagonizou o rianxeiro polos países do vello continente, pero a través da música. Incluirá pezas de compositores galegos e europeos baixo o título ‘Cadros para unha exposición. Castelao en Europa. A viaxe de 1921’. A entrada é libre ata completar capacidade.  

A primeira parte incluirá a interpretación de ‘Alborada’ de Pascual Veiga, ‘Rosa de abril’ e ‘Romanza’ de Andrés Gaos, ‘Lonxe da terriña’ e ‘Muiñeira’ de Juan Montes, e ‘Unha noite e os teus ollos’ de Chané. Na segunda parte inclúense pezas como ‘Danza española’ de Granados e ‘Cancións populares españolas n° 3 e 5’ de Manuel de Falla, ‘Sicilienne’ de Gabriel Fauré e ‘Pavane por une infante défunte’ de Maurice Ravel, ademais de ‘Nocturno Vigo’ de Reveriano Soutullo, ‘Cantabile (arr.)’ de Manuel Quiroga e ‘Lela (arr.)’ de Juan Durán.

Trátase dunha selección que dá continuidade ao repertorio escollido na inauguración da mostra e da nomenclatura do Edificio Castelao o pasado 2 de decembro, cando o mesmo Dúo Loura interpretou algunhas pezas musicais relacionadas coas vivencias, cavilacións e actividades culturais que o rianxeiro tivo nos nove meses da súa etapa fóra de Galicia en 1921.

O Dúo Loura está formado por Lourdes Olvés e Raúl Rodríguez. Lourdes Olbés é violinista e viola gambista e comezou os seus estudos no Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga con Marina Quintillán e Arquímedes Artal, continuándoos no Conservatorio Superior de Vigo con Mario Peris e Sara Ruiz. Formou parte de numerosas formacións tales como a Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia, a Orquestra Vigo 430, a Orquestra Filharmónica de Pontevedra, etc. e formouse con numerosos profesores tales como Vicente Cueva, Vittorio Guielmi, Mykolas Pocius, Lei Wang, Ruslan Asanov, entre outros.

O pianista Raúl Rodríguez é solista e ao mesmo tempo dedícasae á docencia. No ano 2021 recibiu o Premio Extraordinario Fin de Grado Superior, o primeiro premio do VII Concurso de Música de Cámara do Conservatorio Superior de Música de Vigo e o terceiro premio do VI Concurso de Solistas do CSMVigo. Tamén estudou no Conservatorio Profesional Manuel Quiroga de Pontevedra e realizou os estudos Superiores en Vigo con Arabel Moráguez e Nicasio Gradaille. Para finalizar a súa formación cursou en Madrid o Máster Katarina Gurska coa pianista Nino Kereselidze.