Unha conferencia no Museo presentará o estado das investigacións sobre a pintura rupestre esquemática no noroeste peninsular

A charla de Beatriz Comendador con motivo do Día Europeo da Arte Rupestre terá lugar mañá 11 de outubro ás 19 horas

10/10/2022

confrencia arte rupestre

O Museo de Pontevedra está a celebrar o Día Europeo da Arte Rupestre cunha programación que se completa mañá coa conferencia ‘Investigacións sobre o contexto da pintura rupestre esquemática no noroeste peninsular’, a cargo de Beatriz Comendador, a arqueóloga e profesora contratada doutora da Área de Prehistoria da Facultade de Historia do Campus de Ourense da Universidade de Vigo. Será ás 19 horas no Edificio Castelao.

Beatriz Comendador dirixiu e participou en varios proxectos de investigación arqueolóxica na área transfronteiriza do val do Támega e dirixiu a investigación do xacemento de Penedo Gordo (Vilardevós) e a do conxunto arqueolóxico da Cidá das Laxes das Chas/Castelo de Lobarzán (Monterrei), dous dos catro sitios onde se ten atopado arte esquemática pintada en Galicia.

Esta palestra ten como obxectivo achegar ao público o fenómeno da pintura rupestre postpaleolítica, así como contextualizar estes achados nunha visión integrada transfronteiriza tendo en conta o conxunto das manifestacións de arte rupestre peninsular.

A conferencia completa o programa do Día Europeo da Arte Rupestre no Museo de Pontevedra. O mércores da semana pasada celebráronse varios obradoiros sobre tecnoloxía prehistórica e arqueoloxía experimental, a cargo de José Aurelio García Munúa, arqueólogo experimental e responsable de actividades das Covas Prehistóricas de Cantabria. E onte domingo clausurouse a mostra ‘Arte rupestre. Da rocha ao Museo’, que recordaba as primeiras iniciativas de difusión da arte prehistórica e lembra como daquela a Prehistoria se converteu nunha disciplina científica e se deu a coñecer por primeira vez ao público xeral.

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 17 resultados.