Luis López afirma que as axudas de ata 5.000 euros do programa “+Xuventude” serán un pulo pioneiro para o talento mozo da provincia

O dirixente provincial coñeceu o proxecto “Uvigo-SpaceLab”, que impulsan estudantes da Escola de Enxeñería de Telecomunicacións e que conta co recoñecemento internacional

29/02/2024

O presidente da Deputación visita a Universidade de Vigo

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reafirmou este xoves o compromiso do Goberno provincial coa mocidade da provincia durante unha visita á Escola de Enxeñería de Telecomunicacións da Universidade de Vigo, na que convidou o estudantado a participar na primeira liña de axudas da historia desta Administración creada especificamente para apoiar proxectos impulsados por xente nova e dotada con 100.000 euros, o programa "+Xuventude". "Para a Deputación a xuventude non é futuro, é presente", afirmou o mandatario provincial.

Acompañado polo deputado encargado da área de Xuventude, Jorge Cubela, o presidente da Deputación coñeceu todos os detalles dun proxecto pioneiro, o "UVigo-SpaceLab", que levan a cabo estudantes desta escola de Telecomunicacións e tamén doutras titulacións que se imparten na Universidade de Vigo. A visita serviu tamén para descubrir as diferentes instalacións nas que as e os integrantes deste proxecto deseñan uns satélites que están a recibir premios e distincións a nivel internacional. "Queremos seguir escoitando a xuventude para que nos faga achegas e logo nós poder facer realidades", sinalou Luis López, quen tamén agradeceu o apoio do reitor, Manuel Reigosa, e remarcou o compromiso da Deputación de manter a colaboración coa universidade.

Este pioneiro plan de axudas abriu o prazo de presentación de solicitudes o pasado 16 de febreiro. Trátase dunha liña de subvencións á que poden acceder persoas de 18 a 35 anos de idade ou asociacións xuvenís para recibir ata 5.000 euros de financiación para proxectos de moi diversa índole, desde iniciativas empresariais ata para a loita contra o cambio climático ou o fomento da igualdade. Ademais, a Deputación puxo en marcha outras iniciativas de apoio á mocidade, coma unha nova convocatoria dos premios de apoio á xuventude ou a concesión de bolsas a estudantes de formación profesional para facer prácticas no estranxeiro. "Convido a toda a xuventude da provincia a que fagan uso da parte dos premios e tamén desta liña de axudas", animou o presidente provincial.

Luis López rematou a súa intervención dándolles ás grazas as e os estudantes e salientando o papel da Universidade de Vigo tanto na formación da xuventude coma na execución de proxectos innovadores. "Facedes que a nosa provincia vaia a máis", concluíu o presidente da Deputación.

Galerias de imagenes