O xurado do premio #FotoÁgora preselecciona para a fase final 66 imaxes sobre o espazo público da provincia

A deliberación definitiva sobre os galardóns, que ascenden a 40.000 euros, será o vindeiro 15 de marzo

15/02/2022

Xurado do premio #FotoÁgora  

O xurado do certame de fotografía #FotoÁgora mantivo hoxe a súa segunda reunión para escoller as imaxes que mellor reflicten os ‘principios Ágora’ no espazo público da provincia: seleccionáronse por unanimidade 66 das 297 fotografías presentadas, que pasarán á fase final dos premios.

Segundo explicou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez , o encontro do xurado durou máis de dúas horas e permitiu valorar de maneira individual todas as imaxes coa intención de filtrar as de maior calidade técnica e  máis axustadas ás ideas de Ágora: que o espazo público é un dereito das persoas; que as persoas van primeiro que os vehículos; mobilidade inclusiva; autonomía infantil; mobilidades alternativas; espazos seguros; hábitat saudable; espazos amables e de calidade; actividade económica de proximidade; e mobilidade sustentable.

A intención é que o vindeiro 15 de marzo se celebre a próxima reunión, na que se intentará pechar a deliberación final sobre os galardóns concedendo un máximo de 40.000 euros en premios: un primeiro de 6.000 euros, un segundo premio de 4.000 euros e 2.000 euros para as dez imaxes que corresponden a cada un dos principios, ademais doutros 20 accésit con 500 euros cada un.

Un dos poucos requirimentos das bases foi que as imaxes fosen realizadas exclusivamente no espazo público da provincia de Pontevedra, primando a transmisión de valores e da vida na cidade máis que o retrato dunha obra concreta e fuxindo da fotografía ‘de arquitectura’.

O tribunal dos premios está formado pola presidenta da Deputación –e o deputado Uxío Benítez como suplente-, a xornalista gráfica Mónica Patxot, o profesor da UVigo Jorge Lens, a xefa do servizo de Arquitectura Carmen Gómez, o asesor en Mobilidade Jesús Fole, e Lucía Pazos –funcionaria do departamento de Mobilidade- como secretaria.