Preto de 50 inmigrantes examínanse tras superar os cursos de español ofrecidos pola Deputación

A institución facilita, en colaboración co Centro de Linguas da Universidade de Vigo, a obtención do diploma DELE A2, indispensable para a obtención da nacionalidade española

05/09/2023

Un total de 44 persoas de nove nacionalidades examínanse esta semana para obter o diploma de español (DELE) nivel A2 do Instituto Cervantes, logo de superar os cursos de español para inmigrantes promovidos pola Deputación de Pontevedra. Esta acción formativa gratuíta, que desenvolve a institución provincial en colaboración co Centro de Linguas da Universidade de Vigo, ten por obxectivo que inmigrantes de países non hispanofalantes poidan conseguir este título indispensable para poder optar, despois, á obtención da nacionalidade española.

O alumnado que superou o curso e realizará o exame procede do Brasil (15 persoas), Marrocos (14 persoas), Senegal (6 persoas), Ucraína (4 persoas), Rusia (2 persoas), Ghana (1 persoa), Mozambique (1 persoa) e Nixeria (1 persoa). As probas do DELE A2, cuxa matrícula tamén costea a Deputación, constan de dúas fases que de desenvolverán ao longo desta semana. As probas orais teñen lugar o martes 5 de setembro na Facultade de Forestais do campus de Pontevedra (11 persoas), o mércores 6 (17 persoas) e mais o xoves 7 (16 persoas), na Facultade de Filoloxía e Tradución do campus de Vigo. Posteriormente, todo o alumnado realizará a proba escrita o venres 8 na Facultade de Ciencias Económicas, en Vigo.

Na edición máis recente dos cursos, organizáronse dúas quendas en Vigo e outra máis en Pontevedra. Con esta iniciativa, a Deputación de Pontevedra busca facilitarlles ás persoas de países non falantes de español a consecución deste título, para apoiar así a súa integración na provincia como cidadanía de pleno dereito.