A Deputación de Pontevedra promociona a provincia en Londres e Santiago de Compostela logo duns “magníficos” datos turísticos de setembro

Luis López anuncia a participación da institución provincial na feira Fairway de Santiago de Compostela e na World Travel Market de Londres e a aprobación de 100.000 € para 40 entidades do sector turístico da provincia

27/10/2023

Luis López

A Deputación de Pontevedra segue a dar pasos para avanzar no impulso dun novo modelo que permita que o turismo na provincia “vaia a máis”. O presidente provincial anunciou nunha conferencia de prensa a participación da institución provincial na feira Fairway de Santiago de Compostela e na World Travel Market de Londres, e tamén informou da aprobación de 100.000 € para 40 entidades do sector turístico da provincia. Ademais, deu a coñecer os datos correspondentes ao mes de setembro do Observatorio de Turismo Rías Baixas e fixo balance dos “exitosas” reunións de traballo que se realizaron en Alacante e en Barcelona e nas que se detectou que a provincia esperta interese para o turismo vacacional e MICE (Meetings, Incentives, Conferences and Exhibitions).

“Non nos detemos”, asegurou o presidente da Deputación de Pontevedra ao afirmar que a institución provincial está a traballar con firmeza “para dar a coñecer por todo o mundo que Pontevedra é gozar”. Neste aspecto, ademais de lanzar un Plan estratéxico de turismo, o presidente adiantou que a institución provincial estará presente nos próximos días en dous eventos turísticos. O primeiro deles, Fairway, terá lugar entre o 1 e o 3 de novembro en Santiago de Compostela, onde a Deputación participará cunha caseta propia e realizará unha presentación de destino centrada nas rutas cara a Santiago de Compostela que atravesan a provincia. Posteriormente, entre o 6 e o 8 de novembro, a institución terá presenza no World Travel Market de Londres, unha das feiras de turismo máis importantes do mundo, onde distribuirá material promocional da provincia e sumará sinerxías con Turismo de Galicia.

O presidente recordou que a estes dous eventos se unen as reunións de traballo que tiveron lugar xa en Alacante e Barcelona, ata onde se desprazou a deputada de Turismo, Nava Castro, xunto con 25 empresas da provincia que se reuniron con máis dun centenar de entidades de ambas as cidades. “Foi todo un éxito”, asegurou o presidente, quen tamén  destacou o interese das empresas de Alacante polo turismo vacacional e familiar na provincia e o das empresas de Barcelona pola oferta de Pontevedra para acoller congresos e eventos.

Ademais, e no marco da vontade do Goberno provincial “de facer partícipes a diferentes entidades para avanzar e construír máis provincia”, Luis López anunciou a aprobación de recursos para que entidades do sector turístico poidan impulsar actividades “neste eido tan importante para a nosa economía”. Trátase de 100.000 € para que 40 entidades impulsen actividades de promoción e “poidamos estimular un turismo máis competitivo, de máis calidade, máis accesible e  sostible”. Entre as actividades que se sufragarán con estes recursos están, por exemplo, a promoción da Ruta do Viño Rías Baixas na feira Intur de Valladolid, a celebración de festas coma a Malla Tradicional de Lalín, o Entroido de Darbo en Cangas ou o Corpus de Ponteareas, torneos deportivos coma a X-One Race ou os obradoiros de marisqueo de Amarcarril.

Datos do Observatorio de Turismo Rías Baixas  

O presidente tamén aproveitou a ocasión para dar a coñecer os últimos datos dos que dispón o Observatorio de Turismo Rías Baixas da man do INE e que se refiren ao mes de setembro. “Foi un setembro magnífico e agardamos que os resultados deste mes poidamos extrapolalos ao que queda de ano”, asegurou López.

O observatorio rexistrou case 433.000 pernoctacións e preto de 190.000 viaxeiras e viaxeiros, dos cales o 40 % procedían do estranxeiro, “o que parece indicar que a provincia vai a máis en canto á internacionalización da demanda”, remarcou o presidente. Por zonas, Vigo recibiu preto de 50.000 visitantes, pernoctaron 100.000 persoas e o grao de ocupación foi do 74,53 %; Sanxenxo foi visitada por 35.527 persoas, pernoctaron 123.119 e o grao de ocupación foi do 54 %; e ata O Grove chegaron 14.614 viaxeiras e viaxeiros, pernoctaron preto de 40.000 persoas e o grao de ocupación foi do 47 %.

 

audios